Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 13:04
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, pediu na mañá deste venres, durante a inauguración do novo centro de saúde de Narón, "un esforzo especial de 10 semanas aos mozos" para poder "vencer o virus" no marco da pandemia pola Covid-19. "O virus segue connosco", subliñou Feijóo en declaracións aos medios, "e as infeccións están a incrementarse exponencialmente", principalmente na poboación nova. Así mesmo, asegurou que as Unidades de Coidados Intensivos atenden a menores de 40.
"A idade media de todos os ingresados en UCI (que no último parte do Sergas ascende a 14) é de 43 anos, algo inaudito na primeira, segunda e terceira ondas, onde a idade media case duplicaba á actual", comentou o mandatario. Tras apuntar que Galicia é a autonomía con máis persoas maiores de 40 anos inmunizadas con dobre dose (o 86%) e a segunda con máis vacinadas cunha dose (73%), Feijóo sinalou que "aínda faltan os menores de 30 anos e lamentablemente as vacinas que remite o Ministerio de Sanidade non son suficientes para vacinalos a todos de forma simultánea".
"Pido un esforzo especial de 10 semanas para os mozos, aos que pedimos desculpas por non poder vacinalos como consecuencia da ausencia de vacinas", sostivo. "Pido un esforzo", insistiu, "para que se coiden, para que non se contaxien, para que non teñan que estar corentenados e para que non contaxien aos seus avós e aos seus pais, porque, aínda que os seus avós e pais estean vacinados, non significa que cubra o 100% do risco", avisou.
FINAL DO OUTONO
Ademais, o presidente da Xunta subliñou que hai inmunizados que "teñen unha porcentaxe, menor pero real, de volver contaxiarse" e apostou por alcanzar o 90% de poboación vacinada para lograr a inmunidade. "Estou convencido de que, se facemos un esforzo, poderemos saír ao final do outono nunha situación de certa calma", apuntou antes de reiterar a súa mensaxe aos máis novos, "os que levan dous veráns con restricións, a xente que máis interactúa socialmente, o futuro do país", para pedirlles "unhas semanas de compromiso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.