Máis de 80 concellos recibirán axudas por 350.000 euros para a promoción do galego

Os ámbitos estratéxicos de actuación prioritarios son o deporte, mocidade, as TIC, o tecido económico empresarial, os servizos sociais e a perspectiva de xénero e igualdade entre homes e mulleres.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

Un total de 85 concellos de toda Galicia beneficiaranse das axudas da Xunta de Galicia, dotadas con 350.000 euros, para a promoción e uso do galego.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou esta subvención coa que o Goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, destina unha partida que se incrementa nun 40% respecto da dotación orzamentaria de anos anteriores.

Con estas axudas, tal e como informou a Consellería nun comunicado, os concellos poderán sufragar os gastos derivados da creación, reforzo e mantemento de unidades técnicas especializadas en lingua galega, así como da programación de actividades específicas coas que dinamizar desde o tecido municipal.

Os ámbitos estratéxicos de actuación prioritarios son o deporte, mocidade, o TIC, o tecido económico empresarial, os servizos sociais e a perspectiva de xénero e igualdade entre homes e mulleres. Segundo destacou o departamento autonómico, a convocatoria cumpre coa directriz aprobada polo Consello da Xunta de Galicia en 2013 de impulso á prestación de servizos compartidos entre concellos, "para unha mellor eficacia, eficiencia e coordinación".

Así, 23 concellos das provincias da Coruña, Lugo e Ourense concorren e benefícianse a través de oito agrupacións: A Baña e Negreira, Carnota e Mazaricos, Rois e Dodro e os xa pertencentes á entidade supramunicipal da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes --Ordes, Cerceda, Frades, Oroso, Trazo e Tordoia--; Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños; ademais de Boborás e Castrelo de Miño; Quiroga e Rivas de Sil; e Carballedo e Chantada, respectivamente.

Ademais disto, as axudas permitirán ao tecido municipal galego contar con servizos lingüísticos de nova creación nos concellos de Noia, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Carballedo e Chantada.

REDE DE DINAMIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cultura sinalou que a convocatoria se enmarca nas accións de promoción do galego desde o ámbito local que desenvolve a Consellería, entre as que destacaron a 'Rede de Dinamización Lingüística' (RDL), que integra máis de 200 entidades, así como os programas e as iniciativas asociados a ela.

Neles, segundo apuntou Cultura, ten especial incidencia desde 2020 o desenvolvemento da programación de actividades do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, entre cuxos obxectivos se atopan "apoiar o sector e aos seus axentes profesionais no contexto da covid-19, promover iniciativas que sirvan para acelerar a recuperación do tecido económico cultural e creativo galego e pór a disposición da cidadanía unha oferta cultural e lingüística de calidade".

O conselleiro de Eduación, Cultura e Universidades, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia. XUNTA
O conselleiro de Eduación, Cultura e Universidades, Román Rodríguez, no Parlamento de Galicia. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta