A Xunta encargou un informe que a exime de pagar compensacións a mariscadores

Un informe xurídico encargado pola Consellería do Mar dálle a razón a esta no tocante aos mariscadores da Ría do Burgo, e que administración debe pagar compensacións polo dragado que lles impediu faenar: o Goberno.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Un informe elaborado polo catedrático en dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Luís Míguez Macho a petición da Consellería do Mar sitúa ao Goberno central como a administración responsable de facerse cargo das compensacións por parada extractiva derivada do dragado da ría do Burgo. Trátase dunha das grandes disputas que Xunta e Goberno central veñen mantendo nos últimos meses: a responsabilidade de acometer o dragado da Ría e quen paga despois aos mariscadores. 

O documento, remitido polo departamento que dirixe Rosa Quintana á confraría de pescadores da Coruña, analiza a distribución de competencias en relación coas eventuais compensacións económicas polo cesamento temporal da actividade marisqueira debido ás obras no dominio público marítimo-terrestre desta ría.

Revisadas a Lei de Costas, as competencias administrativas, así como sentenzas xudiciais, o texto considera que quen debe de facerse cargo destas compensacións é o Goberno central, administración titular dos terreos e promotora da obra. Así mesmo, conclúe que as actuacións deben cualificarse de interese xeral de competencia da Administración xeral do Estado e que a súa execución determina a indispoñibilidade do dominio públicomarítimo-terrestre para calquera actividade que resulte incompatible.

Neste sentido, sinala que esta "indispoñibilidade" deriva dunha decisión, a aprobación do proxecto, adoptada pola Administración xeral do Estado en exercicio das súas competencias exclusivassobre as obras públicas de interese xeral.

Ademais, sinala que a suspensión por parte da Xunta da actividade marisqueira na zona afectada é consecuencia da prevalencia da competencia estatal en materia de obras públicas de interese xeral sobre as competencias autonómicas que se exercen sobre o dominio público marítimo terrestre.

Por conseguinte, apunta que as eventuais compensacións que poidan corresponder ás persoas e entidades afectadas pola suspensión da actividade marisqueira durante a execución do proxecto de dragado ambiental da ría do Burgo "son competencia e responsabilidade exclusiva da Administración xeral do Estado".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, comparece no Parlamento de Galicia. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta