O BNG insta a Feijóo a "abandonar os mitins" e presionar ao Goberno para "conseguir vacinas"

Pide intensificar os rastreos, reforzar a Atención Primaria e fai un chamamento de prudencia á mocidade para poder frear o virus.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/07/2021 | Actualizada ás 18:04

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, emprazou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a "abandonar os mitins" e presionar o Goberno central para "conseguir as vacinas" que se necesitan en Galicia.

Nun comunicado remitido aos medios, a dirixente nacionalista considerou que a comparecencia efectuada este mércores polo presidente autonómico sobre as medidas a adoptar ante a quinta onda da pandemia foi máis "un mitin que unha rolda de prensa". "Vemos unha vez máis como Núñez Feijóo está a buscar como botar balóns fose e escusas para non ter que asumir a súa responsabilidade como presidente dos galegos", afirmou.

Respecto diso, sostivo que "queixarse de que Galicia non ten vacinas non é a forma de conseguir que o antídoto chegue". "Se a vacina é a mellor garantía para protexer ao conxunto da poboación, ademais de queixarse pola falta de doses, o lóxico sería facer algo para poder acceder a esas vacinas", sinalou.

Neste sentido, Rodil insiste en volver pedir ao Goberno galego que "presione ao Estado español e á Unión Europa para conseguir máis doses, dentro das que existen hoxe no mercado".

De igual modo, instou á Xunta a intensificar os rastreos e a reforzar a Atención Primaria, á que cualifica como a "gran prexudicada en toda a pandemia, pero sobre todo nesta quinta onda". "A presión sobre os centros de saúde e especialmente sobre o persoal sanitario, que está exhausto, é brutal e hoxe é máis necesario que nunca incrementar os recursos económicos e humanos para garantir que a base do sistema sanitario galego non continúe deteriorándose aínda máis do que xa está", advertiu.

Ademais, a viceportavoz parlamentaria do BNG tamén fixo un chamamento á mocidade para pedirlle "prudencia" porque a pandemia continúa e "é necesario que todas e todos cumpramos coas medidas sanitarias para frear o avance do virus".

"Desde o BNG queremos pedirvos un último esforzo e que sigades sendo igual de responsables que o fostes ata agora porque, aínda que sabemos que é difícil e estamos todos e todas moi cansas, protexéndonos todos e todas estamos a garantir a protección do conxunto da sociedade e máis especialmente das persoas vulnerables", concluíu.

Olalla Rodil / BNG. / Europa Press
Olalla Rodil / BNG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta