Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/12/2013 | Actualizada ás 08:00
208.078 euros. Esa é a cantidade que recibirá Ficción Producciones da AGADIC para a realización dunha película para televisión sobre o Códice Calixtino. Deles, 28.300 serán para o 2013, 71.800 para o 2014 e 107.800 para o 2015. Precisamente, o filme levará o título de 'O Códice'.
Non é a única axuda concedida polo AGADIC que, nos últimos anos, baixou substancialmente as axudas aos filmes e producións galegas. De feito, este organismo rebaixou a 1,1 millóns de euros na convocatoria de subvencións 2013 (que tamén serán para o 2014 e 2015) para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega "con decidido contido artístico e cultural".
Así, ademais de Ficción Producciones, son outras oito empresas galegas as que recibirán axudas. Así, tres recibirán financiamento para tres longametraxes cinematográficas e cinco para documentais.
A maior subvención será para Vaca Films Studio que recibirá 281.148,13 euros nunha longametraxe cinematográfica que leva por título 'O descoñecido'. Despois está Bambú Producciones, S.L que terá 252.694 euros para a longametraxe "El club de los incomprendidos". O outro filme, 'A praia dos afogados', de Foresta Films, recibirá 208.078 euros.
No capítulo de documentais tamén recibiron axudas da AGADIC, Socialdocs, S.L, con 23.666 euros, para realizar o documental de creación 'O desafío do Sil'. Tamén a Redenasa TV levará 19.671 eruos para as 'Ultranoites'. Finalmente, nos documentais culturais serán subvencionadas Adivina Producciones, por 'Unitarias', con 33.361 euros; Esmerarte Servicios Artísticos, con 38.717 euros e por 'A nova cociña galega'.
Novamente, e como xa ten acontecido noutras ocasións con axudas públicas a grandes medios de comunicación, a Productora Faro tamén recibirá unha subvención de 34.583 euros para realizar un documental sobre 'Egeria, a primeira peregrina".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.