Investigadores de 40 universidades participarán na Coruña nun congreso sobre Pardo Bazán

Celebrarase entre o 22 e o 25 de setembro no Paraninfo do Reitorado e na sede da Fundación Barrié.

Por E.P. | A Coruña | 28/07/2021 | Actualizada ás 15:03

Comparte esta noticia

Un cento de investigadores de 40 universidades de todo o mundo estarán no congreso internacional "Emilia Pardo Bazán no seu centenario", que se celebrará na Coruña entre o 22 e o 25 de setembro no Paraninfo do Reitorado e na sede da Fundación Barrié.

Emilia Pardo Bazán.
Emilia Pardo Bazán.

No congreso haberá profesores de 20 universidades estadounidenses, como Purdue, Cornell, Emory ou Boston University, entre outras, ademais doutras destacadas universidades europeas como o University College (Londres), as de Pisa e Bolonia (Italia) ou Amsterdam (Holanda), xunto coa maioría das universidades españolas e as tres galegas.

A xornada de inauguración contará coas intervencións de Carmen Rise, da Real Academia Española, e Xosé Luís Axeitos, da Real Academia Galega, que pronunciará un discurso en homenaxe ao recentemente falecido Xosé Ramón Barreiro, decisivo impulsor dos estudos 'pardobazanianos' desde a RAG.

Tras este acto desenvolveranse diferentes conferencias e paneis plenarios nos que se tratarán todos os temas sobre os que a autora galega se interesou. As primeiras intervencións serán dúas mesas redondas con escritores e editores. 

O LEGADO DE PARDO BAZÁN

Os obxectivos deste encontro internacional non son só realizar unha análise da vida e obra de Emilia Pardo Bazán desde perspectivas historicistas e biografistas, senón que tamén se busca comprobar o alcance tanto do seu legado humano como profesional e a pervivencia na actualidade da súa mensaxe vital.

Durante as catro xornadas buscarase profundar na figura da escritora coruñesa, pondo de relevo que o paso do tempo non minguou a vixencia da súa obra e incidindo na necesaria tarefa de pasar revista á súa extensa traxectoria, de amplo alcance social e cultural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta