A Xunta prohibe a pesca do choco na Ría de Arousa para buscar unha "explotación responsable"

A captura, tenencia e comercialziación desta especie estará vedada do 1 de agosto e 30 de outubro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2021 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves a resolución da Consellería do Mar na que se establece a veda do choco na Ría de Arousa, que comeza o 1 de agosto ata o 30 de outubro, ambos os días incluídos. Segundo explicou a Xunta nun comunicado, esta medida instáurase por terceira vez no litoral arousán debido a unha solicitude da Federación Galega de Confrarías de Pescadores --co apoio da maioría de confrarías da Ría de Arousa--, tras demostrarse a súa viabilidade biolóxica.

Desta maneira, queda prohibida, durante ese período de tempo, a captura, tenencia a bordo, transbordo ou comercialización desta especie, incide a Xunta. Ademais, esta medida aplícase dentro das liñas de referencia do anexo III recollido no decreto, no que se especifican, entre outros, os aparellos e técnicas permitidos para a extracción de recursos mariños vivos.

"EXPLOTACIÓN RESPONSABLE"

Así mesmo, con esta decisión búscase instaurar e regular as medidas dirixidas á "conservación e explotación responsable, racional e sustentable" dos recursos mariños vivos, un obxectivo establecido pola Lei de Pesca de Galicia. Por outra banda, a veda do choco decretouse noutros lugares como a Ría de Pontevedra, desde o pasado 5 de xullo ata o 31 de outubro, así como a de Vigo, que comezou o 19 de xullo e esténdese ata o 31 de outubro.

Exemplar de choco
Exemplar de choco | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta