O BNG avisa a Sánchez de que, máis aló da Ap-9, "quedan moitos compromisos por cumprir"

Néstor Revo avisa de que o grao de cumprimento do Goberno co Bloque é do 25%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avisou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de que "quedan moitos compromisos por cumprir" do acordo de investidura, máis aló de "avances significativos" para as bonificacións na AP-9. Nun comunicado, o Bloque refírese ao informe presentado o pasado xoves por Sánchez, no que apuntou que o grao de cumprimento do acordo co Bloque atópanse no 25%.

Así, Rego advirte dos compromisos pendentes en materia industrial, infraestruturas e autogoberno. "Estamos lonxe de garantir unha transición xusta nas Pontes e Meirama, sen alternativas de actividade económica e emprego; Alu Ibérica está paralizada e intervida xudicialmente; e Alcoa aínda sen unha solución que garanta a continuidade", pon de exemplo.

En relación coa construción naval, o deputado do BNG avalía como insuficientes os pasos dados, que non supuxeron asegurar a actividade e o emprego nin en Ferrol nin en Vigo.

En relación ás infraestruturas, a formación nacionalista considera que os Orzamentos do Estado quedaron "moi por detrás" das necesidades e dos compromisos, especialmente en materia ferroviaria. "Só se prevén partidas para a modernización da liña Ourense-Lugo, pero quedaron sen recursos actuacións fundamentais como a modernización das conexións A Coruña-Lugo, A Coruña-Ferrol, Ferrol-Ribadeo, Porto Exterior da Coruña ou saída sur de Vigo ata a fronteira portuguesa", expón Rego.

Sobre o acordo da AP-9, critica que non fose "aplicado en toda a súa dimensión e como estaba previsto", especialmente en relación co transporte profesional e coa supresión da peaxe entre Vigo e Redondela, que debe facerse sen esixir dispositivos de telepeaxe, indica.

Tamén censura falta de avances en materia de autogoberno, pois estaba previsto convocar a Comisión Mixta de Transferencias e proceder a traspasar todas as competencias pendentes previstas, á vez que bota en falta avances en normalización da lingua galega e recepción das radios e televisións portuguesas. Xunto a isto, pide medidas para emigrantes retornados; xulgados de violencia de xénero en Compostela, Ourense e Lugo; así como compensacións para mariscadores da ría do Burgo.

En todo o caso, o deputado asegura que o BNG vai continuar traballando e presionando para que o Goberno cumpra a totalidade do acordo, "que é un compromiso con todos os galegos e galegas", mentres lembra a Sánchez que a avaliación sobre o grao de cumprimento debe ser realizada conxuntamente polas partes asinantes.

O deputado de Unión do Povo Galego, Néstor Rego, intervén nunha sesión plenaria no Congreso dos Deputados, a 15 de xuño de 2021, en Madrid (España). O Pleno do Congreso debate hoxe se abre xa a reforma do Código Penal e en concreto se aceler. EUROPA PRESS
O deputado de Unión do Povo Galego, Néstor Rego, intervén nunha sesión plenaria no Congreso dos Deputados, a 15 de xuño de 2021, en Madrid (España). O Pleno do Congreso debate hoxe se abre xa a reforma do Código Penal e en concreto se aceler. EUROPA PRESS | Fonte: J. Hellín. POOL - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 El Ciz

Esforzo duplo para facer chegar ao país o traballo feito contrarrestando a propaganda estatal. Defendendo á nación