A Xunta vese obrigada a pedir unha autorización inmediata ao TSXG para esixir o certificado covid na hostalaría

Dará este paso tras analizar os autos do TSXG, que este xoves decretou que a obrigación estipulada pola Xunta non ten vixencia tendo en conta que non pediu aval xudicial previo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2021 | Actualizada ás 21:05

Comparte esta noticia

O Goberno galego anunciou a súa intención de pedir de forma inmediata, este venres pola mañá, ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), autorización para poder esixir o certificado covid para accedere ao interior dos locais de hostalaría nos municipios que están en niveis alto e máximo de restricións.

Dará este paso tras analizar os autos do TSXG, que este xoves decretou que a obrigación estipulada pola Xunta non ten vixencia tendo en conta que non pediu aval xudicial previo.

Carteis en diferentes idiomas de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press
Carteis en diferentes idiomas de indicacións de obrigatoriedade de presentar certificados antes de acceder ao interior, nunha marisquería da Rua do Franco, en Santiago.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Nun comunicado, o Executivo galego considera que o máis procedente é solicitar, canto antes, dita autorización, para "evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia" destes certificados e fomentar así a seguridade xurídica. A autorización poderá ser solicitada este venres pola mañá e o obxectivo da Xunta é poder recibir o visto e prace do TSXG canto antes.

A Xunta argumenta que, aínda que entendera que as medidas en cuestion non afectan a dereitos fundamentais, á vista do criterio posto de manifesto polo TSXG, o Executivo galego estima que "o máis procedente" é solicitar a autorización canto antes.

A Administración autonómica lembra que, en todo caso, "o seu empeño é garantir o libre exercicio destas actividades económicas, compatibilizándoo coa maior seguridade sanitaria posible". Así mesmo, subliña que a esixencia deste certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalaría e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como do lecer nocturno, en circunstancias en que antes estaba suspendido.

Por iso, enténdese que a esixencia de certificados é, en todo caso, "unha medida alternativa menos gravosa" que o peche destas actividades.

AVAL DA LEI GALEGA

En particular, considérase que estas medidas se basean no artigo 38.1, 'Medidas preventivas en materia de saúde pública', da Lei de Saúde pública de Galicia, (redactado pola Lei 8/2021), que permite que ao obxecto de protexer a saúde pública, as autoridades sanitarias autonómicas poderán adoptar medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación. Estas medidas poderán consistir en: "Medidas de seguridade sanitaria e hixiene en determinados lugares e/ou para o desenvolvemento de actividades".

Así mesmo tamén ofrece base legal á medida o contido da letra k) deste artigo 38.1, ao permitir o establecemento polas autoridades sanitarias dun deber de "subministración de datos" necesarios para o control e contención de riscos para a saúde pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

A petición de Feixó ao TSXG debería incluír tamén a autorización aos hostaleiros para reclamar a presentación do dni, a autorización de acceso ás bases de datos do sistema de saúde, e a subministración aos hostaleir@s dun sistema informático de validación dos certificados electrónicos. Tamén a solicitude dunha dispensa de responsabilidade da hostalaría polas posíbeis sancións da Axencia de protección de datos. Con todo isto, e máis un título de medicina, estou disposta a abrir un bar.