Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/08/2021 | Actualizada ás 20:09
A deputada no Congreso Uxía Tizón incorpórase como nova secretaria de activismo e movementos sociais á executiva do PSdeG a proposta do secretario xeral, Gonzalo Caballero, segundo informa o partido nun comunicado de prensa.
Este movemento prodúcese nun momento no que Caballero pediu aos cargos do PSdeG que agora se centren en "traballar" e dixo que el tamén falará "no seu momento".
E é que o delegado do Goberno en Galicia e exalcalde de Ames, José Miñones, criticou publicamente a través das redes sociais ao secretario de Organización dos socialistas galegos, José Antonio Quiroga, por un artigo publicado no diario 'El Progreso' no que apuntaba a movementos contra o actual secretario xeral do PSdeG, dos que responsabilizaba ao seu predecesor no cargo, José Ramón Besteiro, e ao alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
Neste contexto, o PSdeG informa da incorporación de Uxía Tizón, avogada e portavoz adxunta da Comisión de Política Territorial e Función Pública do Congreso dos Deputados.
"A dirección socialista propón a deputada para cubrir esta secretaría durante o tempo que queda deste mandato, que concluirá a finais de ano coa celebración do congreso nacional do PSdeG", apunta.
Ante a súa entrada na dirección do PSdeG, indica que a deputada ourensá mostrou a súa "disposición para traballar polo partido con dedicación" e "para seguir impulsando o proxecto socialista" á beira do secretario xeral, Gonzalo Caballero.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.