Jesús Vázquez abandona a política activa e deixa o PP ourensán en mans dunha xestora

Núñez Feijóo trasladoulle a Vázquez palabras de agradecemento polos seus anos no partido. O ex-rexedor de Ourense e antigo concelleiro de educación deixa todos os cargos para regresar á docencia universitaria tras discrepancias co partido polo regreso ao goberno de Jácome.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2021 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O que fora rexedor de Ourense e conselleiro de Educación do Goberno de Alberto Núñez Feijóo, Jesús Vázquez Abad, presentou este xoves a súa dimisión como edil da corporación municipal. Ademais, renunciou ao seu cargo como senador por designación autonómica, abandonando así a política activa.

O coordinador local do Partido Popular deixa as súas responsabilidades orgánicas no partido na terceira cidade galega, de forma que quedará en mans dunha xestora ata que se celebre o próximo congreso. A noticia deuse a coñecer durante a celebración do que foi o seu último pleno municipal polo que durante a quenda de rogos e preguntas os concelleiros aproveitaron para darlle mensaxes de ánimos.

Pola súa banda, Jesús Vázquez confirmou a súa renuncia asegurando que fai seus "os erros e os éxitos de todas as persoas" que durante tantos anos o acompañaron e que "é un pracer servir a Ourense". "Se cadra é o momento indicado para pensar en Ourense e pór os intereses da cidade por diante de todo e por encima do que son as siglas do noso partido político", sinalou.

Nesta mesma liña, concretou que "todo o mundo sabe" que "non" comparte moitas das decisións que se adoptaron pero, en todo caso, matizou que abandona a política activa porque "necesita volver" ao que cualificou como a súa "outra casa", a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense.

"Creo que Ourense se merece políticos que primen por encima das diferenzas, só así poderemos sacar esta cidade adiante", terminou a súa alegación.

Jesús Vázquez en imaxe de arquivo
Jesús Vázquez en imaxe de arquivo | Fonte: EP

DIFERENZAS CO PARTIDO

As diferenzas ás que fixo referencia fixéronse visibles despois de que o Partido Popular decidise regresar ao goberno municipal tras a imposibilidade da moción de censura co Partido Socialista para dar unha maior estabilidade á cidade de Ourense. A pesar de que era a premisa da formación, Jesús Vázquez nunca ocultou os desacordos co alcalde, quen esta mesma semana o acusaba a través das súas redes sociais de facerlle "a oposición desde dentro".

"Solicitará o Concello de Ourense fondos para levar a cabo proxectos na cidade ou pensará que cos aforros xa chega?", preguntaba Vázquez Abad no tweet ao que Pérez Jácome respondía "facendo oposición desde dentro... insólito".

Tras esa última lea pública, este venres, minutos antes de coñecerse a súa renuncia no Concello, rompía por primeira vez a disciplina de voto do Partido Popular local, desde que se produciu o acordo de goberno, ao votar a favor nunha moción presentada polo BNG en relación aos fondos europeos para renovar a frota de autobuses locais mentres que o resto do partido abstívose.

JÁCOME DESTACA A "LEALDADE"

O rexedor municipal tivo palabras para o exalcalde: "Vostedes saben as miñas diferenzas co señor Vázquez foron grandes no político, na oposición e no grupo de goberno aínda que menos", explicou antes de afirmar que "todos temos cousas boas e malas" e "aínda que critiquei moito ao Señor Vázquez, quero resaltar a súa tremenda lealdade ao partido".

Así, Jácome incidiu en subliñar que é alcalde "grazas a este señor". "Seguramente non querería que o fose pero foi leal ao seu partido, o que fai que poidas confiar nel e non se pode dicir iso de todas as persoas desta sala", afirmou.

AS SUBSTITUCIÓNS

Deste xeito, procederase agora ás substitucións. No Concello de Ourense corresponderalle ao seguinte na lista electoral do partido, presentada no ano 2019, que é José Jesús Cudeiro, o que fose concelleiro de urbanismo precisamente no goberno local liderado por Jesús Vázquez.

En canto ao Senado, a substitución decidirao o Parlamento de Galicia porque o escano de Jesús Vázquez Abad era por designación autonómica e non por votación popular.

No procedemento orgánico do partido, a nivel municipal, farase cargo unha xestora provisional ata a celebración dun congreso proximamente. A renuncia farase efectiva no próximo pleno que celebre a corporación.

AGRADECEMENTO DE FEIJÓO


O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, trasladou unhas palabras de agradecemento ao exalcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tras presentar este xoves a súa dimisión como edil da corporación municipal e renunciar ao seu cargo como senador por designación autonómica, abandonando así a política activa.

A través da súa conta de 'Twitter', Feijóo agradeceu ao tamén exconselleiro de Educación a súa "lealdade e traballo" tanto como parte do que foi o seu primeiro equipo de Goberno cando alcanzou a Xunta como polo seu papel como "deputado, parlamentario, alcalde, concelleiro e senador". "Perdemos un gran político, pero recuperamos un profesor universitario comprometido coa educación pública galega. Grazas, de corazón", resolveu Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Na conta de resultados de Jácome haberá que agradecerlle retirar da política a Jesús Vázquez que calquera recordará coma o Conselleiro de Educación que implementou o cobro das baixas laborais inferiores a 15 días ! Con este individuo estar 3 días de baixa por gripe costaba 150 € na nómina mensual... un gran avance na defensa dos dereitos dos traballadores do ensino público en Galicia ! D.E.P.

1 Gamela

Cada vez que vexo un Pleno do Concello de Ourense me pregunto, ¿por que os cidadáns de Vigo non temos o dereito a ter Plenos Públicos dende hai máis de ano e medio? E me pregunto por que se está legalmente establecido que os Plenos deben ser PÚBLICOS en Vigo ninguén reclama esta publicidade? // Jácome despide a Jesús Vazquez // https://youtu.be/CR2-bzsgwG0?t=1895...

1 Fuico

Qué tanta paz lleve como deja. Una auténtica calamidad solo preocupada del selfi y el FB