Disolven un botellón con medio centenar de persoas en Cambre

Salvo dous mozos que se negaron a cumprir as indicacións dos axentes, o resto de persoas deron cumprimento ás inicacións dos municipais.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 06/09/2021 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A Policía Local disolveu, o fin de semana, un botellón de medio centenar de persoas en Cambre, na zona do paseo marítimo. Segundo informa o consistorio, os feitos producíronse durante a madrugada do sábado a domingo, cando os axentes municipais estaban a realizar os controis rutineiros para garantir o cumprimento das novas normativas por parte dos locais de lecer nocturno.

A infracción produciuse, precisamente, tras o peche dun destes negocios, momento no que a clientela se aglomerou na zona exterior do establecemento. Nun primeiro momento, a Policía Local informou os individuos de que, segundo a normativa pola covid-19, as reunións entre persoas non convivintes estaban restrinxidas entre as 03,00 e as 06,00 horas.

Dous dos mozos alí reunidos desatenderon as indicacións da Policía, negándose a abandonar o lugar e mesmo animando ao resto de persoas a permanecer no espazo, empregando frases como "se todos imos contra eles sería diferente". Fóra destes dous mozos, o resto de persoas abandonaron o lugar e deron cumprimento das indicacións dos municipais.

Ante estes feitos, a Policía Local denunciará a ambos os mozos por incumprir a ordenanza de ruídos, a Lei de Saúde de Galicia -ao participar nun botellón, ao infrinxir a norma de reunións entre non convivintes e ao non levar posta a máscara-, así como a Lei de Seguridade Cidadá por desorde na vía pública e tras faltar ao respecto aos axentes e desobedecer as súas indicacións.

As multas oscilarían entre os 1.500 e os 9.000 euros no caso da normativa de ruídos, de 100 euros no caso das infraccións pola covid-19 e entre os 601 e 30.000 euros pola Lei de Seguridade Cidadá.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, apela á "responsabilidade de todos os veciños e veciñas para garantir o cumprimento das normativas covid-19 e evitar que se produzan novos contaxios". "Agora estamos en nivel medio-baixo de restricións, pero isto non pode supor unha relaxación nas medidas, senón todo o contrario", engade.

Dous vehículos da Policía Local, nun control policial para evitar botellóns e aglomeracións
Dous vehículos da Policía Local, nun control policial para evitar botellóns e aglomeracións | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta