Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2021 | Actualizada ás 19:41
Organizacións e colectivos ecoloxistas galegos, entre eles a asociación Arco Iris, avanzan próximas mobilizacións por toda a Comunidade que confluirán o 16 de outubro en Madrid nunha gran manifestación estatal contra os eólicos e a "agresión que está a sufrir" o territorio de mans de "escuros intereses económicos apoiados por cuantiosas axudas e subvencións públicas".
Precisamente, este domingo unha representación de Arco Iris acudiu ás Fragas do Eume para informar da cita na capital española aos centos de asistentes dunha manifestación convocada por diversos colectivos contra os macroeólicos.
E é que, segundo expón Arco Iris nun comunicado, a Rede Natura de Galicia albergará proximamente "ata 30 parques con 136 aeroxeradores de 200 metros de altura e centos de quilómetros de pistas e liñas eléctricas". Situaranse, denuncian, en "paraxes tan emblemáticas como O Xistral, O Suído, a Costa da Morte e a Serra da Cova da Serpe.
Neste sentido, a asociación denuncia que a Xunta permite ocupar estes espazos con parques e que aproba proxectos de ata 49 megawatts "nun exercicio supremo de hipocrisía e falta de respecto aos cidadáns", xa que, mentres tanto, "critica coa boca pequena os permisos emitidos por Madrid aos parques de máis de 50 megawatts".
Ademais, Arco Iris lamenta a "idea neocolonial" que teñen de Galicia os gobernos tanto autonómico como central, ao vela como "un territorio xerador de bens e servizos, mentres outros levan o valor engadido e os beneficios".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.