Galicia rexistra o triple de mortes por suicidio que en accidentes de tráfico

É a segunda comunidade cunha taxa máis elevada deste falecemento, segundo datos de Feafes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Xeración de cristal ou xeración concienciada? Conforme pasan os anos, a sensibilización coa problemática da saúde mental vai medrando ata o punto de convertela nun dos principais focos da saúde pública, superada na actualidade, naturalmente, pola pandemia de Covid-19. A importancia achegada dende as asociacións médicas e a sociedade en xeral a esta problemática non é para menos: a OMS considera o suicidio un dos problemas “máis graves” de saúde pública e defende que debe ser atendido de forma “prioritaria”, en particular coa difícil situación sanitaria, económica e social que deu comezo no primeiro trimestre de 2020. 

Depresión, suicidio, enfermidades mentais
Depresión, suicidio, enfermidades mentais | Fonte: Pixabay - Daniel Reche

Así o defenden tamén dende Saúde Mental Feafes Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que, no tocante a esta causa de morte, avoga por defender unha “abordaxe transversal” da problemática para mitigar os seus efectos. Tal e como apuntan nun comunicado feito público coincidindo co Día Mundial para a Prevención do Suicidio, é preciso traballar na “prevención, detección, diagnóstico, tratamento e continuidade de coidados dos problemas de saúde mental, así como na visibilización desta realidade que está tan oculta na sociedade”.

“No mundo suicídase unha persoa cada 40 segundos, e en España é a principal causa externa de mortalidade. En Galicia, no ano 2020, morreron por esta causa 307 persoas (220 homes e 87 mulleres), cunha taxa de 13,11 suicidios por cada 100.000 habitantes, fronte ao 7,79% nacional e o 11,93% europeo”, explican. Galicia configúrase así, de acordo coa mesma fonte, como a Comunidade con maior taxa de suicidio despois de Asturias. Igualmente, o territorio galego é quinto en cifras absolutas tras Andalucía, Cataluña, a Comunidade Valenciana e Madrid.

A problemática da saúde mental viuse a proba co novo contexto pandémico, circunstancia xa analizada polo Galicia Confidencial en reportaxes anteriores. Con todo, as cifras indican que o número de suicidios viuse reducido en 2020 con respecto ao ano anterior: 11 menos. Aínda así, para Feafes segue a ser unha cantidade “moi elevada”, “triplicando as mortes de tráfico, que se sitúan en 104”.

En termos absolutos, apunta a asociacións, A Coruña é a provincia que máis suicidios rexistra (135), seguida de Pontevedra (98), Lugo (43) e Ourense (31). En termos relativos, na cabeza tamén se atopa A Coruña (17,16 suicidios por cada 100.000 habitantes), seguida de Lugo (12,47), Pontevedra (10,72) e Ourense (10,02) 1.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta