A ameaza dun novo vertedoiro reactiva as protestas na contorna de Santiago de Compostela

Unha andaina veciñal rexeitou o pasado domingo a "posibilidade" de contar cun novo depósito de lixo na comarca de Fecha, a poucos quilómetros do "polémico" vertedoiro de Miramontes.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/09/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A contorna de Santiago de Compostela vólvese erguer contra a ameaza dun novo vertedoiro nas súas terras. Desta vez, foron os veciños da parroquia de Fecha e arredores --ao norte da cidade-- os que quixeron amosar a súa oposición á ameaza dun novo proxecto cunha andaina veciñal. O obxectivo pasa por paralizar o recheo da mina de Santa Cristina de Fecha ante a “posibilidade” de que troque nun novo depósito de lixo, como xa aconteceu co vertedoiro de Miramontes, a poucos quilómetros. 

Andaina veciñal ante a posibilidade dun novo vertedoiro no norte de Santiago
Andaina veciñal ante a posibilidade dun novo vertedoiro no norte de Santiago | Fonte: Asociación A Pedra que Fala

A andaina, organizada pola Asociación medioambiental e cultural A Pedra que Fala, partiu da zona de Lamascal en dirección a Vilar do Rei, tendo como primeira para a propia Pedra que Fala, un penedo con petroglifos da Idade de Bronce e de épocas posteriores que os veciños catalogan como “estación rupestre con moito valor folclórico e simbólico para a xente da contorna”.

O obxectivo era destacar a importancia cultural da zona, razón pola cal a asociación desenvolveu unha charla de espeleoloxía e arqueoloxía na que se explicou a relevancia do enclave. Logo distribuíuse á xente para que puidera asistir a un espectáculo de poesía e son.

A continuación seguiu a andaina cara á segunda parada, o adro de San Xoán de Fecha. Alí o actor Quico Cadaval falou da vida e obra do músico de jazz John Coltrane, e o saxofonista Pablo Castaño interpretou varias pezas.

Membros da asociación sinalaron que contaban co apoio da veciñanza, pero non esperaban que acudise tanta xente “sendo o domingo no que remataba a volta ciclista e no que se celebraban as festas da Peregrina”. “Que se vexa que estamos comprometidos coa defensa do patrimonio natural e cultural”, engadiron. Na andaina tamén participaron representantes do Concello e dos principais grupos políticos locais, así coma FERUSA en representación de todo o rural de Compostela e a Plataforma contra o vertedoiro de Miramontes.

.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta