Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/09/2021 | Actualizada ás 20:01
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) denuncia que Aeroportos Españois e Navegación Aérea (AENA) "oculta" que o Aeroporto de Santiago de Compostela foi ampliado por un grupo de presos políticos do franquismo.
Nun comunicado remitido aos medios, a ARMH describe que o portal de AENA conta como se creou o aeródromo da capital galega e hai "un lapsus entre 1937 e 1947", período no que "centos de traballadores forzados foron obrigados" a traballar na súa ampliación e mellora.
Tratábase dos batallóns disciplinarios de soldados que funcionaron desde a Guerra Civil ata entrados os anos 40. O fillo de Julián Ibáñez, un dos presos, solicitou "en varias ocasións" a AENA a inclusión desa parte da historia no relato da páxina web.
Con todo, segundo critica a asociación, este home "só recibiu un acuse de recibo e ningunha vontade por deixar de ocultar a dura historia dos presos republicanos" que traballaron alí de maneira forzosa. "Non se pode ocultar a memoria e o sufrimento de todas estas persoas perseguidas polas súas ideas, obrigadas forzosamente á construción do que hoxe é un ben público e o que supuxo para eles padecer a durísima represión que padeceron por parte da ditadura franquista", advirte finalmente a ARMH.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.