Caballero censura que Feijóo "apuñala os dereitos" dos galegos no rural co peche de oficinas bancarias

PPdeG defende subvencionar caixeiros porque se fai "de acordo coa Fegamp", e o BNG critica a "submisión de Feijóo" a Abanca.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/09/2021 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegura que "cada semana que pecha unha oficina bancaria nun concello do rural é unha semana na que Feijóo apuñala os dereitos dos galegos que viven no rural, quítalles igualdade de oportunidades e xera unha exclusión financeira para todos eles".

Así se expresou este luns en rolda de prensa conxunta con alcaldes de municipios afectados pola clausura de oficinas de Abanca, nunha semana na que o PSdeG leva ao pleno do Parlamento unha iniciativa en contra destes peches.

A este respecto, Caballero critica que "Feijóo di que aposta pola oficina do rural", polo que "non pode permitir o Goberno da Xunta de Galicia que estean a pechar ducias de oficinas bancarias en municipios pequenos de Galicia". "É un retroceso que non podemos permitir", avisa. De tal forma, pide ao Goberno galego "unha discriminación positiva" para o rural. Demanda unha carta de servizos básicos para os cidadáns con independencia de onde vivan.

Preguntado pola súa opinión acerca de que a Xunta subvencione con preto de tres millóns de euros a Abanca para pór caixeiros mentres a entidade financeira pecha oficinas no rural, Gonzalo Caballero respondeu que "o que Feijóo ten que facer é garantir que non se pechen oficinas bancarias", de forma que "o sistema de caixeiros non pode ser unha escusa" para permitir a clausura de sucursais.

A este respecto, sostén que "Feijóo abandonou o rural". "Nós non podemos ser cómplices dunha estratexia de pechar oficinas para substituílas por caixeiros, iso ten que ser algo que rectifique o Goberno da Xunta de Galicia".

O líder dos socialistas arremete contra "a escalada de escapismo" de Feijóo, que "sempre bota balóns fóra". Apunta que a Xunta ten 1.100 millóns extraordinarios este ano, polo que "se tanto diñeiro ten, ten que ser quen de tomar medidas para evitar a desigualdade de oportunidade e a exclusión financeira de miles de galegos".

OS ALCALDES EXPOÑEN A PROBLEMÁTICA

Neste encontro, varios alcaldes socialistas relataron no Parlamento os problemas que carrexa para os seus veciños o peche de oficinas bancarias.

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, tachou de "atentado" ao rural que Abanca deixe sen servizos bancarios aos seus veciños, o que afecta especialmente a un milleiro de maiores de 60 anos que non ten acceso a novas tecnoloxías, quen ven obrigados a incorrer en gastos para desprazarse co pago de taxis.

A rexedora de Vimianzo, Mónica Rodríguez, queixouse do peche da sucursal da parroquia de Baíñas, o que tamén afecta a municipios limítrofes como Dumbría e Zas. A isto súmase que o despregamento de fibra "non está ao 100%", polo que non é posible poder empregar a banca electrónica, ademais que a única oficina que quedará en todo o municipio sofre gran "conxestión" e só atende ao público durante dúas horas.

A continuación, o alcalde de Dumbría, Jóse Manuel Pequeño, narrou os prexuízos de que pechase hai máis dun ano o único banco que abrira, o que obriga a desprazarse a Cee e Vimianzo. Reprocha que Abanca "non ten escrúpulos".

Ademais, Pequeño considera que "é o colmo" que despois de que Abanca pechase unha oficina nun edificio que é propiedade do banco, agora o Concello teña que ofrecer oficinas municipais para instalar un caixeiro e ser o encargado de facilitar a conexión e luz.

Así mesmo, a alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, demandou que Abanca "debería reconsiderar a súa decisión", á vez que require á Xunta "intervir e frear estas perdas de servizos".

PP: É UNHA "SOLUCIÓN PRÁCTICA"

Pola súa banda, ao ser preguntado respecto diso en rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recoñeceu que "ás veces é complicado de explicar" unha subvención a unha entidade privada, como é o caso dos case 3 millóns de euros que recibirá Abanca para instalar caixeiros no rural.

No entanto, xustificou que é unha "solución práctica" que leva a cabo "de acordo coa Fegamp" e que tamén fan "administracións de distintas cores políticas", entre as que mencionou a Generalitat. Ademais, apuntou que mesmo concellos do BNG e do PSOE "subscribiron o protocolo de colaboración" coa Xunta para manter estes servizos.

Tal e como subliñou Puy, existe o risco de que unhas 55.000 persoas no rural que "se non se fai algo, vanse a quedar sen ningún tipo de asistencia financeira, sen caixeiros, sen ningunha oficina". Por iso, considera que a Administración autonómica optou por unha "saída práctica" a este problema.

Preguntado sobre se estes incentivos públicos non facilitan, precisamente, o peche das sucursais en zonas despobladas, o portavoz popular respondeu que "é ao revés". "Cando se pecha as oficinas é cando se expón isto", agregou.

É máis, explicou que é unha cuestión "que pasa en toda Europa" por circunstancias como o avance da banca electrónica. Pero tamén se referiu ao propio sistema e como o Banco Central Europeo está "a axudar aos países a comprar débeda e a manter os tipos de xuro baixos".

PONTÓN: "DEMOSTRA A SUBMISIÓN DE FEIJÓO AOS PODERES ECONÓMICOS"

A preguntas da prensa, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reprobou que é "unha auténtica burla á cidadanía que haxa entidades bancarias que foron rescatadas con máis de 9.000 millóns de euros, que están a pechar servizos no rural; e que a cambio o que faga o señor Feijóo é darlles tres millóns de euros para que abran caixeiros".

"Isto demostra a submisión do señor Feijóo aos grandes poderes económicos e á defensa dos intereses dunha empresa no canto de estar a defender os intereses dos galegos", recrimina.

Encontro no Parlamento de Gonzalo Caballero con alcaldes e cargos municipais do PSOE sobre o peche de oficinas bancarias no rural. PSDEG
Encontro no Parlamento de Gonzalo Caballero con alcaldes e cargos municipais do PSOE sobre o peche de oficinas bancarias no rural. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta