Volven os premios 'Youtubeiras' na procura do "magnetismo en liña"

Terán como "gran novidade" a aposta por "proxectos de continuidade" e "consolidados". O prazo de inscrición para optar a algunha das categorías dos premios estará aberto ata o próximo 22 de outubro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/09/2021 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A quinta edición dos premios 'Youtubeiras' terá como "gran novidade" a aposta en exclusiva por proxectos "consolidados" e que "teñan unha continuidade asegurada no tempo".

Así o explicou a coordinadora dos galardóns, Carmen Pereiro, na presentación dos 'Youtubeiras', celebrada no Pazo de Raxoi. O obxectivo deste cambio nas bases de participación é "fomentar tanto a creación de canles de Youtube como o seu mantemento".

Pereiro puxo de manifesto os datos de crecemento da comunidade 'youtubera' galega. Segundo os datos achegados pola coordinadora, pasouse dos 202 vídeos presentados na primeira edición, en 2017, aos 536 que optaron a algún dos premios en 2020.

"Desde a súa primeira edición ata o día de hoxe, a comunidade de youtuberos que publican contidos en galego non deixou de crecer ao amparo do concurso", afirmou Carmen Pereiro, quen estableceu como marca superar as 536 participacións da edición anterior.

BASES DE PARTICIPACIÓN

O prazo de inscrición para optar a algunha das categorías dos premios estará aberto ata o próximo 22 de outubro, o que supón unha redución de tempo con respecto a edicións anteriores.

Os interesados en participar están obrigados a cumprir todos os requisitos das bases de participación. Deberán ser creadoras de contido en galego maiores de catorce anos; que leven a autoproducción de canles de Youtube con polo menos cinco vídeos publicados antes do 23 de outubro de 2020.

Nesta edición, do mesmo xeito que en 2020, vólvense a establecer 12 categorías premiadas: canle, vídeo, 'youtubero', calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. As tres primeiras contan cun premio de 1.000 euros para o seu gañador, mentres que para as nove restantes o primeiro posto alcanzará os 500 euros.

'MAGNETISMO EN LIÑA'

Os organizadores dos premios 'Youtubeiras' escolleron como lema para esta quinta edición 'Magnetismo en liña', co obxectivo de "remarcar a evolución do proxecto desde a súa posta en marcha".

A este respecto, a coordinadora dos galardóns sinalou que a idea do "magnetismo" busca incidir "sobre a consolidación da figura do youtubero" e "subliñar a influencia de que o mundo youtubero exerce na sociedade".

TALLERES DIVULGATIVOS

Outra das iniciativas relacionadas co ámbito de Youtube que se fomentarán nos próximos meses desde os propios premios é a realización de talleres divulgativos sobre formación en visibilidade, promoción e aplicación de diferentes formatos.

A idea é dar continuidade ao taller impartido polo técnico de son Xoán Escudeiro durante este verán, que estivo centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Para setembro está previsto un taller sobre posicionamento dixital, que terá como experto ao doutor en Comunicación Dixital Adrián Suárez.

Finalmente, en outubro terá lugar un taller sobre aspectos legais relacionados con Youtube, deseñado pola avogada especializada en empresas tecnolóxicas Bárbara Román. A formación deste ano estará centrada na especialización.

De esquerda a dereita, a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames, Escarlata Pampín; o concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol; e a coordinadora do Proxecto 'Youtubeiras', Carmen Pereiro. CONCELLO DE SANTIAGO
De esquerda a dereita, a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames, Escarlata Pampín; o concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, Rubén Prol; e a coordinadora do Proxecto 'Youtubeiras', Carmen Pereiro. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta