Marta Vilas, a novela da xornalista e a movida viguesa

Elena Gallego, autora da serie Dragal tamén publicada por Xerais, estréase para público adulto con  Sete caveiras, unha novela fondamente viguesa. Crítica de X.M. Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 07/02/2014 | Actualizada ás 22:41

Comparte esta noticia

Título: Sete caveiras

A escritora Elena Gallego
A escritora Elena Gallego | Fonte: Xerais

Editorial: Xerais

A novela ten como paisaxe aquel Vigo dos anos da “movida”, non de forma casual ou decorativa, senón que a “movida” ten unha participación absolutamente central no desenvolvemento da trama novelesca. Mesmo podería ser chamada, con xustiza, “ a novela da movida viguesa” debido ao protagonismo que esta ten, particularmente aquela xornada de irmandamento entre a movida madrileña e a movida viguesa celebrado no ano 86 e  que non coñecería a segunda parte, programada para un ano despois en Madrid. Aquel escenario de ludismo polo ludismo –alcol, droga e rock ad rol e quen pille sexo que o disfute- é o  axente provocador dos sucesos que a xornalista Marta Vilas descobre por casualidade e se poñerá a investigar.

Sete caveiras é novela de transición e iso resulta perceptíbel na lectura. Os “Caveiras” son unha panda de rapaces vigueses que se dispoñen a vivir aquel frenesí  de forma intensa e moi especial, pois será a súa derradeira esmorga xuntos xa que despois cada un continará a vida polo seu lado, ou integrándose no mundo laboral ou estudando en lugares diferentes. De xeito que ver na novela de Elena Gallego un aceno á inmorrente A esmorga de Blanco-Amor resulta lóxico, evidentemente un desfase, unha esmorga moi distinta pois os anos non pasan en balde e compar ambas e dúas dá unha idea de como se transfromou a sociedade  no transcurso desas décadas. E canda ese aceno literario hai outro tamén que de seguro non lle escapará ao lector, trátase da novela  Ten Little Niggers, os Dez negriños de Agatha Christie, un dos libros máis vendidos de todos os tempos e unha incona na novela do xénero detectivesco e de misterio. Só que en lugar de figuras de dez negriños son sete, son sete bonequiños, sete cliks daqueles que fabricaba Playmobil e tanta popularidade acadaron. Porque o plantexamento de Sete caveiras é moi similar, trocando a illa pola “movida” viguesa, pois os sete Caveiras ( nome que recibía aquela panda de rapaces” tamén iran morrendo un a un.

Porén, malia que innegabelmente eses dous acenos son moi conscientes e están na base da novela de Elena Gallego, hai outro feito máis decisivo: Marta Vilas é xornalista, e se o lector sospeita nela unha sorte de alter ego da propia autora non andará descamiñado, na súa xusta proporción, e o remate confirmarallo. Pois aínda que Marta Vilas conta co auxilio dun membro dos corpos de seguranza, e a investigación das causas daqueles asasinatos é o eixo da novela, dunha novela indubidabelmente de misterio e de xornalista, a novela non se decanta como novela detectivesca e só no remate nos decataremos que a verdadeira pretensión da autora é a de reivindicar, de salientar, o traballo xornalístico, o traballo dos e das xornalistas que, tantas veces, teñen que desafiar as convencións profesionais, as ataduras profesionais que atenazan a súa iniciativa impedíndolles ser realmente xornalistas e condenándoos á simpleza da divulgación do que só moi tanxencialmente ten que ver coa actualidade.

Sete caveiras é, en consecuencia, unha novela de transición entre o discurso para adolescentes o propio para adultos, que quere ser e é unha novela de misterio. Unha novela de misterio que se estrututa sobre as mortes, os asasiantos dos Caveiras, mais sobre este axente xerador de misterio superponse outro que nós queremos adiantar aquí: o de como a autora consegue, de forma natural e nada forzada, redimensionar a novela, facendo que esta se convirta nun texto reivindicador cando no remate se explique como naceu novela á vez que se denuncia o feito de que ás veces só a ficción novelesca pode servir de plataforma para contar a verdade.

Haberá que seguir atentamente novas entregas desta autora para público adulto, nas que poida desenvolver con máis tempo as configuracións, as personalidades, das personaxes, pois a administración da información e creación de misterio domínaos tan ben como Sete caveiras demostra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta