Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/09/2021 | Actualizada ás 18:25
Os municipios poden xa empregar a ferramenta da Xunta 'pasaXe!', que permite acceder de forma telemática á documentación visada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) necesaria para tramitacións urbanísticas e de licenzas.
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez; a decana do COAG, Elena Ampudia; e a directora da Amtega, Mar Pereira, inauguraron o primeiro webinar para presentar esta iniciativa, que estivo dirixido a municipios de máis de 20.000 habitantes e ao catro deputacións.
Este servizo de interoperabilidade é o resultado do convenio asinado en 2020 entre Xunta e o Colexio de Arquitectos. Permitirá unha "maior axilidade, rapidez, inmediatez e transparencia", segundo destaca Ángeles Vázquez.
Con este sistema, as administracións locais poderán acceder directamente a un único arquivo con toda a documentación para as tramitacións urbanísticas que requiran o visado, mentres que os cidadáns só terán que dispor dun código.
Pola súa banda, Mar Pereira sinalou que ao longo de 2020 foron realizadas a través do nodo de interoperabilidade da Xunta máis de 12 millóns de consultas, o que supuxo un incremento do 51% respecto ao ano anterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.