O BNG quere que Navantia Ferrol sexa un "complexo industrial integral" para crear novo emprego

"Os gobernos español e galego teñen que implicarse con Ferrol con feitos, non con palabras", sinalou Néstor Rego.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O BNG reclamará no Congreso converter os estaleiros de Navantia na ría de Ferrol nun "complexo industrial integral" que sexa capaz de "recuperar todo o traballo perdido nos últimos anos" e "crear novo emprego" na comarca.

Será a través dunha proposición non de lei (PNL) que se debaterá o vindeiro mércores na Comisión de Industria, Comercio e Turismo, segundo explicou este venres en rolda de prensa o representante do BNG na Cámara Baixa, Néstor Rego, acompañado do deputado autonómico Ramón Fernández.

En concreto, a iniciativa buscará "diversificar" a actividade nos estaleiros de Navantia con propostas como a constitución dunha mesa para potenciar a participación da empresa pública no sector da enerxía eólica mariña, a "modernización" das instalacións e dotar á fábrica de turbinas de "recursos suficientes", entre outras.

"Os gobernos español e galego teñen que implicarse con Ferrol con feitos, non con palabras", sinalou Rego. Neste sentido, afeou a PSOE e Unidas Podemos que, na tramitación dos Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2021, rexeitasen unha emenda do BNG apra "incorporar unha partida de 100 millóns de euros" para a modernización destas instalacións.

Iso si, o deputado nacionalista recoñeceu que "o primeiro paso" tería que ser a construción das fragatas F-110. Precisamente, esta semana o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, anunciou que esta obra arrincará en marzo de 2022. A PNL que defenderá o Bloque tamén recolle a reivindicación de que se inicie este proxecto, pero débese a que o texto levaba rexistrado desde "o 9 de marzo de 2021".

"En todo caso, insistimos en que Navantia ten moita máis capacidade que para a construción das Fragatas, que lamentablemente non vai saturar a capacidade que teñen os estaleiros", asegurou.

Todas estas actuacións, engadiu Rego, ten que levar aparellada "a participación da Xunta no Consello de Administración de Navantia", como "indicador inequívoco de que o Goberno galego realmente aposta pola comarca de Ferrol".

O PACTO DE ESTADO, UN "DESPROPÓSITO"

Sobre o Pacto de Estado por Ferrol que nos últimos meses reclamou a Xunta, o deputado autonómico Ramón Fernández volveu a criticar o "auténtico despropósito" desta proposta: "O proxecto estrela é a construción dun barco militar pequeno para a Armada Española".

"Non sabemos quen o fixo (o plan), pero en Ferrol xa hai quen di que se foi Cañita Brava", ironizou a continuación, para reducir este pacto a "propaganda" do Goberno galego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto ao deputado no Parlamento galego Ramón Fernández.. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, xunto ao deputado no Parlamento galego Ramón Fernández.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta