A maior cita co automóbil, novo e de ocasión, en Expourense

A fin de semana do 1 ao 3 de outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 8 ao 10 o do Vehículo de Ocasión. Farase un sorteo dun desconto de 6.000 euros entre os que pechen a compra do seu coche nesas citas e poderanse atopar numerosos modelos eléctricos e híbridos.

Por X.M. Fernández | Ourense | 29/09/2021 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Un total de 15 concesionarios da provincia de Ourense pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O., participarán como expositores no 12º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 1 ao 3 outubro terá lugar o Salón do Vehículo Novo, e dende o 8 ao 10 de outubro o do Vehículo de Ocasión. Trátase de dúas citas relacionadas cun dos sectores comerciais de maior peso na provincia de Ourense, o da automoción, e que está organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O.

Presentación 12º Salón do Automóbil. Foto: Expourense
Presentación 12º Salón do Automóbil. Foto: Expourense

Segundo indicou na presentación do evento á prensa o vogal de A.C.A.U.T.O., Jaime Cougil: “é unha cita a que acudimos con moitas gañas e ilusión porque supón a volta á normalidade e permitiranos retomar o tan necesario contacto directo cos clientes aos que lles poderemos resolver todas as súas dúbidas para que atope o coche que precisa”.

En total, participarán 15 empresas representando a 21 marcas que presentarán 30 modelos novos, algúns deles poderán verse en exclusiva por primeira vez en España e entre os que se poderán atopar tamén numerosos modelos eléctricos e híbridos. As marcas presentes nesta edición son: Abarth, Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Fiat, Ford, Hyundai, Kia, Mazda, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Suzuki, Toyota, Volkswagen e Volvo.

UNHA OPORTUNIDADE PARA MERCAR OU CAMBIAR DE COCHE

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido.

Un dos obxectivos de Expourense é, a través da cooperación público-privada, dinamizar o tecido empresarial galego abríndolles novas oportunidades de negocio e servindo de ponte cara a novos clientes, impulsando, ao mesmo tempo, a calidade e a capacidade innovadora das empresas da provincia. O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, agradeceulle a A.C.A.U.T.O. “a súa aposta por Expourense como o mellor escenario para presentar, ante milleiros de visitas, as últimas novidades marcas presentes e as mellores oportunidades no mercado de ocasión. Estas citas van ofrecerlle aos visitantes a mellor oportunidade para atopar un coche con todas as garantías e vantaxes que ofrecen os concesionarios oficiais que, aínda que leven por diante a marca dunha multinacional, a meirande parte deles son empresas ourensáns, con capital de aquí, e xeradoras de numerosos postos de emprego nesta provincia”.

FINS BENÉFICOS

Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de euros fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.

HORARIOS

O horario do 12º Salón do Automóbil será os venres 1 e 8 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 2 e 9 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 3 e 10 de outubro de 11.00 a 20.00 h.

O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta