A Deputación da Coruña inicia un estudo para mellorar os seus servizos de política social

Pretende marcar unha "folla de ruta" de cara ás prestacións dos próximos anos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2021 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña presentou este martes o seu 'Plan de Acción de Servizos Sociais', que definirá a "folla de ruta" da institución en materia de políticas sociais durante os próximos anos. Así o explicou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, durante a presentación desta iniciativa que contou coa presenza de distintos alcaldes e alcaldesas, concelleiras de Servizos Sociais e representantes de entidades sociais da provincia da Coruña.

Segundo manifestou esta deputada, este plan é froito dun traballo de diagnóstico "moi escrupuloso" que ten como obxectivo "radiografiar a realidade", xa que para Lamas, na área de servizos sociais "non podes remitirte a táboas Excel". "Hai que falar con entidades, traballadores de servizos sociais e usuarios", asegurou a deputada de Benestar Social. Ana Lamas comprometeuse a "redobrar" o esforzo e a axuda que a Deputación presta aos concellos nesta área.

INICIATIVAS

Tras a realización deste plan, a Deputación coruñesa porá en marcha distintas iniciativas nos próximos meses, como un centro de recursos en liña no que se albergará unha galería de experiencias en materia social, que servirá para ver recursos e experiencias doutros lugares que axudarán a mellorar e crear sinerxías entre concellos.

Doutra banda, realizarase un estudo para analizar a soidade non desexada das persoas maiores, e tamén un protocolo para o trato das persoas con discapacidade que se facilitará aos distintos concellos.

Ana Lamas marcou como obxectivo crear unha rede de servizos sociais "universal e ao alcance de toda a provincia". A deputada considerou que "independentemente do tamaño do núcleo no que vivan", todos os habitantes da provincia deben recibir servizos sociais "de calidade".

A Deputación da Coruña presentou este martes o seu Plan de Acción de Servizos Sociais.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA
A Deputación da Coruña presentou este martes o seu Plan de Acción de Servizos Sociais.. DEPUTACIÓN DA CORUÑA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta