Catro lousas e un funeral

Unha amiga que leva xa uns anos traballando en Euskadi contábame que ao día seguinte do anuncio de tregua definitiva de ETA chegou ela ao choio coa esperanza de que se comentase a xogada. Nin por esas. Seguiu sendo un tema tabú do que non se fala, sobre todo coa xente de fóra.

Por Xurxo Ayán | Gasteiz, Euskadi | 18/02/2014

Comparte esta noticia
Cando estiven vivindo en Budapest no outono de 2004 tiven unha sensación semellante cos indíxenas. Sempre que quixen abordar o antigo rexime comunista nas conversas, os interpelados ampliaban o abano de evasivas e mesmo parecía que eles non viviran naquel país de socialismo real.
 
Onte topei en pleno centro de Gasteiz con toda unha escenografía antiterrorista. Ducias de ertzainas coa face cuberta. O estarivel montouse co gallo da silenciosa protesta que cada venres fan cidadáns na praza da Virxe Blanca. Defenden o achegamento dos presos bascos a Euskadi. O acto de onte coincidiu coa morte na cadea, por causas naturais, dun rapaz condanado por accións de kale borroka.
 
O  monumento da praza que conmemora a derrota napoleónica en Vitoria en 1813 recolle a seguinte frase: A LA INDEPENDENCIA DE ESPAÑA.
 
Levo vivindo en Gasteiz case un mes, e voume decatando das consecuencias cotiás da traumática situación vivida por estes lares. Son moitas as preguntas sobre a violencia política, e nulas as respostas. En chegando a este punto, deume por botar man dunha fórmula que funciona moi ben en Arqueoloxía. Cando queremos descifrar os enigmas dunha sociedade do pasado, a imaxe que tiñan de si mesmos, imos aos camposantos, a procurar as respostas. Velaí o misterio da xentiña nosa dos castros, que coma bos galegos despistan aos arqueólogos, a diferenza deses veciños tan xenerosos celtibéricos e íberos que o daban todo nos enxovais funerarios. Onte estiven no vello camposanto gasteiztarra de Santa Isabel, coma un personaxe de “La Busca” de Baroja, buscando respostas.
 
A sociedade vitoriana está perfeitamente reflectida nunha necrópole que mantén incólume un ar decimonónico. As familias que detentaron e detentan o poder económico, con infindos apelidos bascos, materializaron o seu posto no mundo con faraónicos mausoleos, como en todas partes. Xente de orde, vencellada ao tradicionalismo carlista, firme baluarte do Movimiento Nacional no verán do 36. A cuadrilla dos vivos continúa alén morte. Nos pedestais das tumbas familiares aparecen con nomes e apelidos todos e cada un dos inquilinos subterráneos. Unha listaxe escueta que só nun caso racha o patrón formal para engadir unha morte heroica no exército franquista. Nunha lousa faise mención a un alférez de complemento  do batallón de Flandes nº 5, morto por Deus e por España con 24 anos, na batalla de Villarreal. Cando a República Española concede a autonomía a Euskadi, a comezos de outubro de 1936, en plena guerra, a causa leal gaña como socio o PNV, que até aquela se mantivera dubitativo sen participar apenas na defensa de Guipuzcoa. Coa autonomía gañada, o goberno basco de Aguirre lanza unha ofensiva para tentar conquerir Vitoria. A coñecida como batalla de Villarreal remata en fracaso e condea ao goberno Aguirre a unha postura bélica á defensiva. O exército de Mola, integrado daquela por mozos carlistas contén a defensiva, permanecendo a fronte estable até abril de 1937. A guerra civil española tamén foi unha guerra civil entre bascos, como xa foran as carlistadas de antano. Noutras dúas tumbas lemos en letras douradas o nome doutros dous mozos vitorianos tamén mortos por Deus e por España, desta volta na Batalla do Ebro, onde os requetés tamén espallaron sangue dabondo.
 
Contra as paredes do camposanto fora afusilado tamén o mellor poeta basco da súa xeración, Lauaxeta, cofundador da Academia da Lingua Basca. Cando se achegaba a Gernika cunha delegación de xornalistas estranxeiros foi apresado por unha avanzadilla de soldados franquistas. O veredicto (así se chama unha das súas obras) do Consello de Guerra foi a pena de morte.
 
Todo o trato humano que amosou o goberno de Aguirre (liberando todas as presas dereitistas, protexendo propiedades e igrexas, procurando sempre o intercambio de prisioneiros negándose a destruír o tecido industrial de Bizkaia, etc...) foi pagado con violacións, execucións sumarias e unha feroz represión contra ese pobo separatista que deixaba en evidencia a falaz propaganda da Cruzada: fronte ao fascismo había católicos e un país no que se detivo a revolución social e a persecución relixiosa. Isto era demasiado para o psicópata do xeneral Mola, cunha angueira destrutiva que mesmo (atención) asustaba aos militares nazis, que manda truco.
 
Como dicía, a sociedade vitoriana estaba rexida por xente de orde. Unha destas familias aristocráticas mantén a súa parcela no camposanto. Unha lauda lembra a morte heroica dun membro da familia na Guerra de Marrocos, capitán das forzas regulares falecido no combate de las Peñas de Beni Hozmar en 1919. Sen embargo, no conxunto funerario hai algo que racha o escenario: un cubículo de pedra no que se recollen as cinzas de Ignacio Hidalgo de Cisneros y López Montenegro. Este aristócrata vitoriano acabou militando no Partido Comunista sendo o xefe máximo da aviación republicana na guerra civil. Sen símbolo relixioso de ningunha caste, o monolito recolle a lenda “General de Aviación. Héroe del Pueblo Español (1894-1966)”. Morreu no exilio, en Bucarest. Como todo o mundo sabe, Euskadi perdeuse para a República pola falla de avións. Os soldados de Mola avanzaban en Biskaia unha media de seiscentos metros día, o que dá idea da heroica resistencia republicana.
 
O idioma maioritario no camposanto é o castelán, agás algunha tumba aillada de xente sepultada xa en democracia. Cando comezou a nevar con forza procurei unha das saídas laterais do camposanto e dinme de cheo cunha tumba modesta na que se podía ler: Fernando Buesa Blanco. Fue un hombre de paz. Defendió la Libertad de todos con la palabra. Recordo perfeitamente o asasinato daquel político, socialista, como moitos dos mozos que loitaron nas trincheiras no 36-37 ao carón de anarquistas, nacionalistas e comunistas, como moitos homes  guindados ás cunetas pola represión e a violencia política. Buesa foi asasinado cun coche bomba mentres paseaba polo campus de Vitoria (o meu campus) e canda el morreu o ertzaina Jorge Díez. Fernando Buesa foi o artífice da regularización das ikastolas, entre outras medidas a prol da educación, a cultura e o idioma do seu país. Os asasinos confesos de Buesa foron condeados a un século de cárcere en 2002.
 
O camposanto de Santa Isabel é un lugar no que se condensan as memorias do século XX, marcadas todas elas pola violencia política.
 
Van facer catorce anos do asasinato de Buesa. A fundación que leva o seu nome vén de presentar esta semana en Gasteiz un libro titulado El lugar de la memoria, no que se reflexiona sobre a necesidade dunha política pública da memoria en Euskadi.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA