Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/02/2014 | Actualizada ás 13:43
"Non podemos ter un pacto de silencio para tapar os casos de corrupción que están saíndo nos casos da coroa, da Gürtel, do caso Bárcenas ou, en menor medida, na Pokemon". Foi a dura denuncia que hoxe lanzou o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, contra o PP e o PSOE.
"Espero que non exista ese pacto que impida que se depuren e asuman responsabilidades por parte dos populares e dos socialistas que a cidadanía non entende", dixo ao referirse a estes procesos xudiciais nos que están involucrados, principalmente, cargos do PP, pero tamén do PSOE. "A xente non entende que non haxa dimisións", apuntou nunha rolda de prensa.
Por iso, pediulle aos líderes do PP e do PSOE en Galicia que tomen cartas no asunto e "depuren responsabilidades" e pidan "dimisións" entre os cargos dos seus partidos imputados na Pokemon, sobre todo, dos alcaldes e concelleiros do PP en Santiago, A Coruña, Carballiño e Boqueixón, e do rexedor e edís socialistas de Lugo. "Ten que haber unha limpeza absoluta de responsabilidades tanto a nivel político como a nivel xudicial", suliñou.
E é que para Vence "é unha realidade" que no país existe unha "corrupción sistémica" dos dous grandees partidos, "sobre todo, do PP", indicou. "Vese como se esteán corrompendo as institucións políticas e poñendo as institucións ao seu servizo", engadiu.
"Non hai que poñerlle panos quentes a cuestións que se están a destapar", afirmou e criticou que tanto socialistas coma populares se escuden na presunción de inocencia coma un "parapeto" no que "ocultarse".
Con todo, e en declaracións a Galicia Confidencial, Vence quixo diferenciar as implicacións que teñen os concellos de Lugo, Santiago ou A Coruña ou o que tivo o de Ourense, co de Pontevedra, tras a publicación por parte deste medio dos encontros de Miguel Anxo Lores con dirixentes de Vendex ou as conversas e encontros que o ex responsable de Finanzas do Bloque, Xosé Gontá, tivo na sede central de Acuagest en Santiago por intercesión, precisamente, do rexedor pontevedrés.
"Que eu saiba non hai ningúen do concello de Pontevedra imputado. Se a xuíza, logo destas conversas, non atopou ningún elemento para encausar a ninguén por algo será", indicou.
Por iso, cualificou de "normal" que haxa conversas entre un alcalde e unha empresa privada porque "agora a maior parte dos servizos públicos están privatizados", indicou. "Estas conversas entran dentro do normal", engadiu para aclarar que, outro caso é o soborno. "Pero aquí non hai tratos de favor, nin soborno, nin nada de nada", insistiu.
Preguntado pola chamada realizada por Gontá desde a sede do BNG, Vence destaca que "non sabe nada diso" -- de feito, el non estaba en ningún cargo orgánico do Bloque cando tivo lugar esa chamada, no verán do 2012--. "Do que non sei non che podo dicir nada", indicou.
E, sobre se teme que algún cargo do BNG poida ser imputado no futuro, o líder do BNG, insiste en que, polo momento, "non hai nada". "Hai suficiente materia gorda de corrupción no sumario da Pokemon dos concellos da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Carballiño e Boqueixón como para buscar onde non hai", engadiu.
"Se se trata de demostrar que todos somos iguais, iso xa o tentou Pilar de Lara, e non o conseguiu aínda. A corrupción está clara onde a hai e, por iso, non hai que misturar a todos no mesmo saco", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.