Centos de persoas mobilízanse en 24 concellos contra "a estafa da luz" cunha queima simbólica de facturas

As concentracións convocadas pola CIG reclaman que se recoñeza a enerxía como un dereito universal, entre outras peticións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2021 | Actualizada ás 16:38

Comparte esta noticia

Centos de persoas participaron este domingo nas mobilizacións convocadas pola Confederación Intersindical Galega (CIG) en 24 concellos galegos contra "a estafa da luz" e para "reclamar" a recuperación das centrais hidroeléctricas, a posta en marcha dunha tarifa eléctrica galega e que "se recoñeza a enerxía como un dereito universal".

Nas protestas deste domingo realizouse unha queima simbólica de facturas "como acto de desagravio", pero tamén como de "reivindicación contra unhas eléctricas que, mentres acumulan beneficios multimillonarios, abocan á clase traballadora á pobreza enerxética".

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración celebrada na Coruña, explicou que con esta xornada preténdese "esixir aos gobernos" políticas que "freen a escalada imparable da factura eléctrica, que cada vez provoca máis danos no conxunto da clase traballadora e na actividade económica e industrial".

Recalcou ademais que as manifestacións deste fin de semana chegan tras a prohibición da mobilización que a CIG convocara para o pasado venres "con motivo da intervención do presidente de Iberdrola no Foro de la Toja". "Unha vez máis comprobamos como se nos quere silenciar á hora de denunciar a falta de medidas por parte dos gobernos para frear a alza da luz", lamentou.

"TODOS Os GOBERNOS SON CULPABLES"

Carril asegurou que "todos os gobernos son culpables de actual regulación do sistema eléctrico" e sinalou que, no contexto da denominada transición enerxética, "perpetúase a estafa, regulando e financiando a entrada de cheo que neste proceso teñen as eléctricas".

"Pero se resulta grave que isto ocorra no conxunto do Estado, en Galicia resulta imperdoable. O Goberno galego, para ser digno de tal nome, debería ser quen dese respostas no camiño de pór a enerxía ao servizo do pobo e apoiar a creación dunha tarifa eléctrica galega", aseverou Carril.

A este respecto, lembrou que a Comunidade exporta "unha media do 30% da enerxía que xera como consecuencia de decisións políticas que fixeron de Galicia un territorio especializado na produción eléctrica, con enormes custos sociais e ambientais, sen sacar proveito diso".

"Ao contrario, a desertización industrial e a emigración son exemplos que vivimos, cada vez, con máis frecuencia. É un delito que en Galicia haxa pobreza enerxética nas casas e que polos altos prezos da electricidade pechen empresas", criticou o portavoz da CIG.

PROPOSTAS DA CIG

Por outra banda, o sindicato apuntou algunhas das súas propostas, "cuxa aplicación evitaría chegar á situación actual". Entre elas, o recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna, a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión venza, ou modificar o sistema tarifario, "limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico".

Tamén piden modificar transitoriamente os impostos actualmente presentes na tarifa eléctrica e que "pagan inxustamente os consumidores", reducindo o tipo máximo do IVE actual, do 21% ao 4% que se aplica para produtos básicos; así como a implantación dunha Tarifa Eléctrica Galega.

Concentración na Coruña pola subida do prezo da luz. EVMM
Concentración na Coruña pola subida do prezo da luz. EVMM | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta