A Xunta non aclará cando ampliará o BIC de Meirás para incluír os mobles do Pazo

A directora xeral de Patrimonio Cultural recalca que a declaración "non altera" a titularidade dos bens.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/10/2021 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, non concretou datas para a incoación da ampliación da declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) a bens mobles do Pazo de Meirás, durante a súa comparecencia no Parlamento galego, na Comisión Institucional de Administración Xeral, Xustiza e Interior.

"É urxente a declaración BIC", sentenciou o deputado Xosé Luís Bará nunha pregunta sobre a xestión do Goberno galego en relación coa defensa da titularidade pública, a protección e a conservación dos citados bens mobles. A directora xeral condicionou o inicio deste proceso á disposición de "toda a documentación e toda a información precisa para que se avale o valor cultural deses bens mobles".

Tamén insistiu na colaboración co Estado para, a través dun grupo de traballo, subscribir un convenio previo a este paso. No entanto, recalcou, en liña coas manifestacións da Consellería de Cultura nas últimas semanas, que a declaración BIC "non altera" a titularidade dos bens que formen parte do sitio histórico.

Así, reiterou que, a xuízo da Xunta, reclamar esa titularidade corresponde ao Estado como propietario nestes momentos do pazo e por vía xudicial. "Non fixeron os deberes, só reaccionan á presión", reprochou o deputado do BNG, quen cuestionou que se teña que pedir nos xulgados "uns bens que foron roubados".

INFORME PERICIAL

Esta comparecencia prodúcese despois de que a Xunta presentase no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña un informe pericial sobre as características individuais e grupales de 55 bens en discordia co Franco, dos 133 que reclama o Estado.

Un informe feito por expertos de Patrimonio e destinado a identificar o valor cultural e "a relación e vinculación co sitio histórico" dos bens dos que se xustifica o citado "interese" cultural. Esta pericial non entra nos 49 bens que a Xunta, recentemente, considerou tamén que debe reclamar o Estado por vía xudicial.

Representantes de colectivos de memoria histórica e vítimas do franquismo, durante a súa visita aos xardíns do Pazo de Meirás o día da súa reapertura ao público. M. Dylan - Europa Press
Representantes de colectivos de memoria histórica e vítimas do franquismo, durante a súa visita aos xardíns do Pazo de Meirás o día da súa reapertura ao público. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta