Minuto de silencio en San Caetano pola morte de Valeriano Martínez

O funeral terá lugar en Bueu este venres.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Decenas de empregados públicos, membros do seu equipo de Facenda, cargos intermedios da Xunta e todo o Goberno autonómico, co presidente, Alberto Núñez Feijóo, á fronte, reuníronse á entrada das dependencias administrativas de San Caetano para render homenaxe nun sentido minuto de silencio ao responsable galego das contas públicas, Valeriano Martínez, falecido de forma repentina este mércores.

O longo minuto de silencio, que se prolongou durante case cinco, e no que tamén estivo presente o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, concluíu cun aplauso.As caras dos membros do Goberno e dun Feijóo, amigo persoal de Martínez, a quen coñece desde hai máis de 30 anos, reflectían a tristeza e consternación polo falecemento do conselleiro por mor dunha parada cardiorrespiratoria mentres traballaba na Xunta.

Este xoves continuaron as condolencias. Así, a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero, arrincaba cunhas palabras de pésame a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, que se reuniu de forma extraordinaria para aprobar os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para o ano próximo.

Tamén o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, aproveitaba un acto en Vigo para reiterar as súas condolencias polo falecemento deste "servidor do público, un traballador que, desde a súa opción política, tentaba facer as cousas o mellor posible para Galicia".

FUNERAL EN BUEU

Ademais de familiares e achegados, nas últimas horas pasaron, polo tanatorio de Bueu, para trasladar o seu pésame, membros do Executivo autonómico, co propio Feijóo á fronte, así como representantes do PSdeG --como Gonzalo Caballero-- e do BNG, entre eles os deputados Noa Presas e Luís Bará.

A despedida de Valeriano Martínez, de 60 anos, casado e cun fillo, cunha traxectoria profesional sempre ligada á Administración autonómica, oficiarase cun funeral que acollerá este venres ás 18,00 horas a Igrexa de San Martiño de Bueu. Martínez, natural de Aldán, en Cangas, residía na localidade pontevedresa de Bueu. Á súa despedida acudirán, previsiblemente, numerosas autoridades galegas, como o propio presidente da Xunta.

Minuto de silencio polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.. César Arxina - Europa Press
Minuto de silencio polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta