O estado de emerxencia sanitaria en Galicia, activo tras 19 meses, finalizará a semana que vén

O presidente da Xunta afirma que na situación actual da sanidade "vese a luz a final do túnel".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2021 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciará o vindeiro mércores, na primeira xornada do debate sobre o estado da autonomía, o levantamento de emerxencia sanitaria que leva activo en Galicia 19 meses, desde marzo de 2020. Será un dos principais anuncios en materia sanitaria, unha vez que "se ve a luz ao final do túnel", segundo avanzaron a Europa Press fontes gobernamentais.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento galego / DAVID CABEZÓN - XUNTA. / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na sesión de control do Parlamento galego / DAVID CABEZÓN - XUNTA. / Europa Press

A xornada deste martes, festivo por Día do Pilar, estará dedicada a "ultimar" no seu despacho da residencia oficial de Monte Pío a preparación do debate, o que motiva a súa ausencia nos actos oficiais de Madrid con motivo da Hispanidade.

No seu discurso, que arrincará o mércores ás 10,00 horas no Pazo do Hórreo, ten previsto destacar a "estabilidade e a normalidade democrática" da política galega, unha cuestión que este 2021 cobra especial simbolismo polo 40 aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía.

Fronte á situación de Galicia, Feijóo contrastará o seu noveno debate á fronte da Xunta --á marxe das investiduras--, co contexto político nacional, en que á marxe das investiduras, "non se celebrou un debate do Estado da Nación desde hai case sete anos", recalcan as fontes da Xunta. Sanidade e reactivación económica serán, como tamén o recollen así as cuestións que avanzaron os grupos do Parlamento, "dous dos eixos do seu discurso".

ORZAMENTOS PARA 2022

O presidente da Xunta avanzará a próxima aprobación dos orzamentos para 2022, cunha subida do gasto social, e unha baixada de impostos para os cidadáns no marco do Debate sobre o Estado da Autonomía, que dará comezo este mércores.

A través da súa conta en Twitter, o titular do Executivo galego explicou que a próxima semana aprobaranse as contas para 2022 da Xunta, que "xa tiña ultimados" o que foi conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, ata o seu falecemento a pasada semana. Ademais, indicou que anunciará que este ano se presentará o novo Plan Estratéxico 2021-2030 e abordará "melloras" na sanidade, as residencias de maiores e a educación.

En canto ao ámbito económico, apuntou que tratará a necesidade de "pór en marcha medidas para o mantemento do emprego" e a crise industrial, así como a "oportunidade" que supón a mobilización dos fondos europeos de recuperación Next Generation e as propostas presentadas pola comunidade para a súa captación.

Feijóo tamén resaltou que no marco do debate abordará asuntos como a política fiscal. "Galicia leva anos baixando os impostos aos cidadáns e rexeitamos de plano a subida fiscal anunciada polo Goberno central. Fronte a iso, en 2022 a Xunta volverá baixar os impostos aos galegos", aseverou a través dunha mensaxe compartida na rede social.

DÉCIMO DEBATE PARA FEIJÓO

O Parlamento de Galicia albergará o seu 25º Debate sobre o Estado da Autonomía, que para Feijóo será a súa décima cita desde que tomou as rendas da Xunta. Co transfondo da pandemia, será, ademais, o primeiro debate desta Lexislatura, xa que o ano pasado non tivo lugar, como é habitual nos últimos mandatos nos exercicios nos que hai un de investidura.

A primeira cita deste tipo produciuse en Galicia no ano 1989, baixo o mandato de Fernando González Laxe, e o esquema formal sufriu algunhas variacións ao longo dos anos.

Este mércores arrincará a sesión o presidente cun discurso que se poderá prorrogar sen límite de tempo. O pleno retomarase ás 16,00 horas coa intervención dos portavoces dos grupos durante 45 minutos. Feijóo procederá a responder antes dunha nova réplica dos grupos e pechará a xornada coa última contrarréplica.

A sesión non se retomará ata o venres 15 ás 11,00 horas para o debate e votación das propostas de resolución, que se presentarán --como máximo 40 por grupo-- e negociarán o xoves 14. No último debate, en 2019, resultaron aprobadas 57.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Se remata o Estado de Emerxencia deberan rematar igualmente as "normas sanitarias" que afectan aos dereitos básicos da cidadanía: o uso obrigatorio da máscara en lugares pechados debera ser voluntario. A prohibición de fumar nas terrazas debera ser anulada máxime cando subiu o prezo do tabaco e a Facenda Púbica recada o 80% de cada paquete ! E rematar dunha vez coa obrigatoriedade de solicitar Cita Previa en tódalas Administracións (dende os Concellos ata os Rexistros Civís!) // A ver se imos seguir sendo tratados coma borregos o resto da vida !