Debate: Feijóo defende a "moderación galega" fronte aos independentismos e anuncia unha rebaixa fiscal sen concretar

Advirte que Galicia se "fará valer" e propón "unha recuperación á galega" baseada na estabilidade fronte á "frivolidade" estatal. Promete unha nova rebaixa fiscal sen concretar e receitas fronte á crise industrial.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/10/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Reproches contra o Goberno que dirixe Pedro Sánchez estiveron presentes, unha vez máis, con forza, no discurso que pronunciou este mércores o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, no Debate sobre o Estado da Autonomía, onde, tras reivindicar reiteradamente a "moderación e estabilidade" de Galicia, puxo o foco con especial intensidade en dúas cuestións xa sobre a mesa: os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) e o debate do financiamento autonómico.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d), durante o debate do Estado da Autonomía de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (1d); o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda (2d), e o vicepresidente segundo, Francisco Conde (3d), durante o debate do Estado da Autonomía de Galicia.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Nun contexto de recuperación da pandemia, Feijóo proclamou que "ningunha política nin medida será completa se non ten un respaldo económico suficiente", motivo polo que Galicia "se xoga tanto" na negociación do financiamento autonómico.

Aínda que xa o avanzou, ratificou que o próximo 2 de novembro, oito comunidades reuniranse en Santiago para abordar distintas inquietudes comúns, pero co foco especialmente no sistema de financiamento. "Galicia, Asturias, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha e A Rioxa daremos así continuidade a un foro estable desde hai varios anos, e que agora se amplía con Cantabria e Estremadura", relatou.

"Oito presidentes de tres partidos distintos. Un de cada catro españois estaremos representados nese encontro. Case o 62% por cento da superficie da nación", sentenciou, orgulloso de que Galicia "sexa unha vez máis escenario da política que vale a pena, da que traballa constructivamente con outras autonomías, e con utilidade ao conxunto dos intereses do Estado".

TEMOR ANTE "CONTRAPARTIDAS" A INDEPENDENTISTAS

E é que, segundo Feijóo, o "enfrontamento real" non é entre as comunidades con maior poboación fronte a outras autonomías que, como Galicia, teñen factores diferenciais como o envellecemento ou a dispersión, senón entre quen queren un diálogo multilateral e os que buscan "outro á súa medida".

"Quero pedir con claridade e espero que, co apoio inequívoco de todos os partidos deste Parlamento, que o financiamento autonómico non sexa decidido nunha mesa bilateral co único Goberno autonómico que manifesta abertamente estar en contra da nación", aseverou, en relación ao catalán.

A "gran pregunta", ao seu modo de ver, é se as comunidades contarán cun "árbitro imparcial" para "ordenar este debate crucial" ou se ese árbitro "está hipotecado por un xogador que, ademais, non acata o regulamento".

"Tememos e así o manifesto ante esta Cámara, que o mal chamado diálogo cos independentistas faga imposible calquera outro modelo de financiamento que non satisfaga plenamente aos partidos separatistas", esgrimiu, antes de advertir: "O noso país non pode ser refén das debiliddes parlamentarias do seu presidente".

RECUPERACIÓN DA PANDEMIA

Pero Feijóo lanzou outros avisos ao Goberno central durante a súa intervención, con especial intensidade no que respecta a elementos chave para a recuperación post covid como os fondos europeos Next Generation, un punto no que insistiu na cogobernanza.

Pero máis aló de críticas concretas, a base ideolóxica da intervención do presidente galego sustentouse en contrapor a "estabilidade" e a "moderación" de Galicia --co propio exemplo da celebración deste debate fronte aow "case sete anos" de ausencia do Debate sobre o Estado da Nación-- coa "inestabilidade e a frivolidade" da política estatal.

"Galicia seguirá sendo o lugar onde as prioridades do Goberno son as prioridades da nosa xente", afirmou, antes de remarcar que a Comunidade que el dirixe "seguirá sendo o lugar onde mirar para atopar debates serenos e defensa do marco constitucional e do autonomismo".

Fíxoo no arranque do discurso e repetiuno no peche, cando volveu rememorar a Valeriano Martínez --ademais de citar ao galeguista Valentín Paz-Andrade-- antes de propor "unha recuperación á galega", unha recuperación "xusta de verdade", que aproxime os seus "valores e perspectivas" aos cambios que se están prouciendo e que "incorpore plenamente a Galicia aos camiños do progreso sensato".

MEDIDAS ECONÓMICAS

A primeira xornada do Debate sobre o Estado da Autonomía saldouse en clave económica coa ratificación, por parte do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de que os orzamentos galegos para 2022 presentaranse en tempo e forma --a próxima semana-- e con varias receitas fronte á crise industrial, co foco na situación de Ferrol e A Mariña de Lugo (ante a situación de Alcoa e Vestas).

Na súa intervención, o presidente galego anunciou que as contas que Martínez "deixou practicamente listas" presentaranse a próxima semana, e anticipou algunha pincelada, por exemplo que o gasto social volverá aumentar o próximo ano ata representar o 71,1 por cento, de forma que sete de cada dez euros concentraranse en sanidade, educación e a política social.

Así mesmo, remarcou a súa aposta por seguir a folla de ruta pola que, recalcou, aposta desde que tomou as rendas da Xunta no ano 2009: "máis investimento, menos impostos e control da débeda". Neste punto, reafirmouse en que os Next Generation son "unha ocasión irrepetible" para transformar a economía.

"E os erros de xestión, a arbitrariedade e a falta de transparencia do Goberno non poden convertelos nunha oportunidade perdida", aseverou, antes de volver mostrar o seu rexeitamento á "suba fiscal masiva" anunciada polo Goberno central e de garantir que os orzamentos galegos volverán reflectir unha nova baixada fiscal para o ano próximo, aínda que non concretou detalles.

Si lembrou os beneficios fiscais impulsados ata agora polo seu Executivo, e reivindicou por baixar os tributos a quen "aposta por investimentos verdes".

"Menos IRPF e menos imposto de Patrimonio para quen rehabilite centros históricos. Ese é o noso modelo, señorías. E xa lles anuncio que o seguirá sendo. As contas do próximo exercicio volverán inclluir unha rebaixa de impostos para os galegos. Se este camiño é posible en Galicia, tamén pode selo para o conxunto de España", sentenciou.

"EN MATERIA DE EMPREGO, TODOS A UN TEMPO"

Feijóo avanzou na súa intervención que a Xunta aprobará un novo plan estratéxico antes de que finalice o ano co fin de que Galicia sexa "actor clave" no novo paradigma social e económico, ademais de anunciar un pacto cos axentes sociais para garantir que a formación estea adaptada á demanda. "En materia de emprego, todos a un tempo", resumiu.

Por primeira vez, trasladou que haberá préstamos parcialmente reembolsables, de forma que os investidores que se acollan a eles non terán que devolvelos totalmente se materializan un investimento que xere riqueza e emprego.

A Xunta tamén prevé seguir incentivando o consumo, mantendo as bonificacións para adquirir chan industrial e acompañando os proxectos empresariais.

RECONVERSIÓN INDUSTRIAL "ÁS BRAVAS" E AVE

Moi crítico co Goberno central, o presidente galego tamén vinculou algunhas das súas decisións políticas coa crise industrial que afecta a varios sectores e comarcas. Ao seu modo de ver, esta crise industrial "non é unha transición xusta" senón "unha reconversión" feita "ás bravas" que ve preciso "impedir".

Entre outras cuestións, ratificou que se deseñará un polo enerxético para a transformación da industria a través da introdución do hidróxeno verde na industria e o transporte, así como medidas vinculadas co almacenamento enerxético.

E entre as súas principais propostas en clave económica, expuxo estudar a viabilidade de situar a fábrica de fibras téxtiles na provincia de Lugo, e tamén volveu reclamar a "intervención temporal da planta de Alcoa por parte do Goberno central", á vez que urxiu buscar unha solución que impida o peche de Vestas en Viveiro.

Ademais, en canto á comarca de Ferrolterra, avanzou que se porá en marcha unha nova delegación da Xunta en Ferrol --co encargo de velar por que se cumpra o Pacto de Estado proposto polo Goberno galego para esta comarca-- e pedirá ao Executivo estatal que cre unha Zona Franca na área ferrolá.

Finalmente, á espera de que se concrete a conexión de Galicia coa Meseta a través da alta velocidade, o mandatario autonómico lanzou un aviso: "Seguiremos vixiantes para que a entrada do AVE en Galicia se faga garantindo uns tempos competitivos".

Por último, no caso de Pontevedra, destacou que a Xunta deu traslado esta semana ao Consello Consultivo a proposta dos traballadores de Ence para que os terreos da fábrica queden adheridos ao Porto de Marín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta