Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2021 | Actualizada ás 12:41
Supermercados Gadis vén de abrir unha nova edición do seu programa "Alimentes Dixital", unha plataforma interactiva que busca espertar o interese dos nenos pola cadea de valor dos alimentos e "inculcarlles pautas de consumo responsable". O programa, sinalan dende a entidade, está adaptado aos currículos de Galicia e Castela e León para o Segundo Ciclo de Infantil e Educación Primaria.
Segundo indican, "Alimentes Dixital" está elaborado por profesionais especializados e desenvólvese en base a catro piares fundamentais: a alimentación saudable, o consumo responsable, a actividade física e a redución do desperdicio alimentario. Componse de dez unidades didácticas que "profundan na cadea de valor para coñecer a orixe dos produtos e a súa trazabilidade ata que chegan aos fogares".
Ademais, dende Supermercados Gadis sinalan que as aulas que completen as 10 unidades didácticas optarán a levar de agasallo o “Prato Alimentes”, inspirado no ‘Prato para Comer Saudable’ da Universidade de Harvard, que recibiu unha gran acollida por parte dos alumnos durante o curso pasado.
O programa está integrado no plan de Responsabilidade Social Corporativa de GADISA e foi recoñecido nacionalmente co Premio Excelencia á Saúde 2018 e como finalista nos IX Premios Corresponsables.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.