Indemnización de 200.000€ pola morte dunha muller que foi mal diagnosticada

O seguro de saúde adscrito ás Forzas Armadas terá que pagar esta cantidade á familia dunha muller que foi "diagnosticada por intuición" e faleceu aos poucos días.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2021 | Actualizada ás 15:20

Comparte esta noticia

A Sección Terceira da Audiencia Provincial da Coruña condenou seguro de saúde do Isfas --Instituto Social das Forzas Armadas-- a indemnizar cuns 200.000 euros ao viúvo e dous fillos dunha paciente falecida nun hospital de Ferrol por un erro no diagnóstico. Segundo o fallo da Audiencia Provincial da Coruña, ao que tivo acceso Europa Press, "de realizarse un TAC, proba a disposición do facultativo naquel momento, non limitada por Adeslas, o resultado tería sido ben distinto, existindo un atraso no diagnóstico correcto".

Ademais, na resolución xudicial, que ratifica a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ferrol, a Audiencia apunta "unha perda de oportunidade de ser tratada a paciente o primeiro día que acudiu ao Servizo de Urxencias, determinante da morte ulterior da paciente tras a súa operación e estancia na UCI".

Por todo iso, a Audiencia da Coruña desestima o recurso da parte demandada e ratifica a sentenza do 25 de xaneiro deste ano do Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Ferrol que condenou ao seguro de saúde de Isfas, xa que o marido da falecida era mutualista por pertencer á Garda Civil, a indemnizar ao viúvo e os seus dous fillos con 143.854 euros que cos intereses desde a data de falecemento da paciente ascenden a uns 200.000 euros.

En concreto, o xulgado fixou a suma de 93.735 euros para o viúvo da muller falecida; 40.839 euros para o fillo e 14.280 euros para a filla, segundo recolle a sentenza.

"DIAGNÓSTICO POR INTUICIÓN"

Por parte da representación letrada da familia, exercida por Cipriano Castreje, lembraron que os feitos sucederon a mediados de 2018 cando a paciente acudiu por dor abdominal ao seu médico de Atención Primaria do seguro de saúde que, "ante a gravidade do cadro e a imposibilidade de practicar probas pola forte defensa abdominal remítea ao servizo de urxencias hospitalarias adscrito á aseguradora".

Neste servizo, "tras unha somera exploración, o médico de garda de urxencias non aprecia defensa abdominal, e ante a exploración dubidosa pide probas complementarias, radiografia, ecografía, analíticas e tira de ouriños", explica o avogado. Polo seu lado, o radiólogo sinala que a ecografía "non é eficaz pola forte defensa abdominal, e polo abundante gas, descarta pielonefritis" e sinala a "posible existencia dun cólico renal complicado cun urinoma, pero as probas non son concluíntes pola gran defensa abdominal polo que o médico de garda debería revaluar á paciente, o que non fixo", indica a representación da familia.

O médico de garda que declarou ante a Audiencia Provincial, xa que non puido facelo ante o xulgado, manifestou que "fixo o diagnostico por intuición de pielonofretis cunha interrogante", indica o letrado, "e deulle o alta con tratamento".

Sobre o TAC, a representación letrada da falecida puntualiza que o hospital "dispuña da devandita proba e non se practicou, non limitando a aseguradora a súa práctica". "Por outra banda o TAC detecta mesmo o punto exacto da perforación co que constitúe a proba diagnostica por excelencia nas enfermidades de tipo abdominal", engade. "E tampouco se remitiu á paciente a un urólogo se se consideraba que existía un cólico renal complicado cun urinoma", lamenta.

"En resumo, sinala a Audiencia acollendo os argumentos do avogado da familia, que estamos ante un caso de erro de diagnóstico que terminou co falecemento da paciente, xa que esta a o ingresar ao día seguinte con mal estado xeral practícaselle unha TAC e diagnostícase cunha diverticulitis perforada, que se foi complicando co paso dos días ata o falecemento da paciente", apunta o avogado. Castreje manifesta que "o diagnóstico ou a toma de decisión por intuición conxectura ou premonición é difícil de defender á altura do noso tempo".

Con todo, a sentenza non é firme e pode ser recorrida en casación ante o Tribunal Supremo pola aseguradora aínda que esta, concreta a representación da familia, "xa consignou a suma do principal".

Arquivo - Médico de cabeceira. FACUA - Arquivo
Arquivo - Médico de cabeceira. FACUA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta