Listas de espera: da realidade á manipulación (I)

Desde a administración autonómica e desde os medios de comunicación, prodúcense con certa frecuencia declaracións e análises das listas de espera de atención especializada publicadas semestralmente polo SERGAS.

Por Fernando Abraldes | Santiago de Compostela | 19/10/2021

Comparte esta noticia
Os pacientes e usuarios, tamén habitualmente, preguntámonos se a fotografía que esas cifras representan, reflicte a realidade ou ben son unha imaxe parcial, distorsionada ou manipulada que converten as declaracións institucionais e os debates sobre a excelencia ou eficiencia do sistema público de saúde nun exercicio de retórica baleira sen impacto ningún sobre a calidade asistencial.
 
Pero cal é a realidade das listas de espera? Resulta difícil responder esta pregunta porque non hai acceso público a toda a información que afecta ao tempo real de espera para unha consulta externa, proba diagnóstica ou intervención cirúrxica. Non obstante, como pacientes e usuarios, hai cousas que si sabemos. Sabemos que como procedemento habitual, a pesar do carácter excepcional e extraordinario que a normativa autonómica lle outorga, moitas persoas que demandan atención especializada por prescrición facultativa son emprazadas, por peche das axendas, a un momento indeterminado posterior para solicitar a incorporación a unha lista de espera estrutural. Todas esas persoas, sen xustificación suficiente, padecen demoras de semanas ou meses que o sistema de rexistro de pacientes en espera non recolle. Sabemos que miles de pacientes demandantes dunha intervención cirúrxica están en listas de espera non estrutural por rexeitar a proposta de seren atendidos nun centro privado concertado ou por causas organizativas do propio sistema. No ano 2011, o Consello de Contas, no seu informe de fiscalización sobre “A resolución das listas de espera a través da autoconcertación e da concertación con centros privados”, fixo público que, no conxunto do sistema, o número de pacientes en lista de espera non estrutural para unha intervención cirúrxica no ano 2010 era de 22.932, dos cales 16.343 rexeitaran ser atendidos nun centro privado. Os pacientes desta lista representaban nese ano o 76,08 % dos pacientes en espera estrutural e tiñan unha demora que oscilaba entre os 234 e os 302 días. Dado que desde entón non se volveu a ter acceso, a través de ningún medio, á evolución do número de pacientes en espera non estrutural, resulta dificil obter a cifra exacta das persoas que actualmente están nesta situación. Non obstante, tendo en conta que o nivel do gasto efectivamente realizado en persoal no conxunto do SERGAS do ano 2019 acada niveis similares aos do ano 2009 (segundo datos da última conta xeral publicada) e que as listas de espera estrutural para unha intervención cirúrxica do primeiro semestre do 2021 recollen dez mil persoas máis que as incluídas no ano 2010, podemos estimar, cunha certa marxe de erro, que estariamos en cifras próximas aos 30.000 pacientes. Finalmente, sabemos que só se computan nas listas de espera as primeiras citas por unha doenza nova, para consultas externas, probas  diagnósticas ou intervencións cirúrxicas e non se inclúen as demoras producidas nas segundas e sucesivas. 
 
Esta é a realidade que non reflicten as cifras oficiais publicadas e que son as que acumulan as maiores demoras na atención. A estadística é unha técnica que, baixo a aparencia de ciencia obxectiva, empaqueta o mundo real para ofrecer unha imaxe adaptada ás necesidades políticas ou económicas de quen as elabora. O grave é que, cando falamos de saúde, non só se ocultan datos, senón que, sobre todo, se oculta a dor e o sufrimento de persoas que soportan a vulneración do seu dereito á atención de calidade nos tempos máximos garantidos e que ven comprometida a súa vida ou as súas posibilidades de curación. Por iso, mentres non se levanten os veos que enmascaran os feitos, o debate político institucional ou mediatico asemellarase máis a unha farsa ca a un proceso deliberativo público que poida derivar en solucións para construír un sistema que sexa rendible en calidade asistencial digna e que restableza os dereitos das persoas que, no labirinto das listas ocultas, sofren o abandono asistencial.  
 
Ata aquí a realidade. Na próxima entrega falaremos da manipulación.

Pacientes agardando a ser atendidos en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Pacientes agardando a ser atendidos en Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo | Fonte: XdV
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fernando Abraldes Presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS. Economista. Interventor e Tesoureiro da administración local desde 1989