As residencias en Galicia: catro de cada cinco prazas están en mans de empresas privadas

A Xunta ábrese a dar máis información sobre o "novo modelo" destes centros despois das denuncias do SLG contra a opacidade da xestión.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2021 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O Consello Galego de Benestar Social, órgano dependente da Xunta de Galicia, ábrese a informar do modelo de residencias e outras cuestións logo das denuncias do Sindicato Labrego Galego. Así o veñen de apuntar dende o propio sindicato, que asegura que o CGBS xa rexeitara en dúas ocasións atender solicitudes de información sobre cuestións como a Lei de Dependencia, o modelo de residencias ou a adxudicación de fondos europeos Next Generation. 

Arquivo - Varios maiores nunha das salas da Residencia de maiores de Carballo, a 19 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia. M. Dylan - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varios maiores nunha das salas da Residencia de maiores de Carballo, a 19 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia. M. Dylan - Europa Press - Arquivo

Isto vén de cambiar logo de que a vogal do SLG, Margarita Prieto, reiterara estas solicitudes de información e denunciara a “falta de transparencia” do ente. “O CGBS comprometeuse a tratar estes temas no pleno que terá lugar o vindeiro mes de novembro”, subliñan dende a formación, que apunta que xa no pasado mes de abril presentaron unha solicitude de Pleno Extraordinario para informar da evolución das referidas liñas clave do traballo do Consello. 

“Dado que esa petición de convocatoria de Pleno Extraordinario foi rexeitada, procedemos a solicitar a súa inclusión como punto da orde do día do pleno desta mañá [en referencia ao martes]. Esta petición de información foi novamente denegada esta semana, argumentando o CGBS que se trata de cuestións abordables no turno de rogos e preguntas”, aseguran.

Entre os temas que o CGBS se negaba a informar, circunstancia que cambia tras o acordo pechado co SLG, está o modelo de residencias. Segundo denuncian dende a formación, das arredor de 22.000 prazas residenciais existentes no noso país, “menos de 5.000 están en centros de maiores de titularidade pública”. 

A circunstancia chegou cando en decembro do 2020, a Consellaría de Política Social anunciou que estaba empezando a traballar nun novo modelo de residencias. “Sen embargo, tampouco o CGBS está disposto a fornecer información Informar de como está de avanzado e en que fase se atopa o estudo do novo modelo de residencias”, aseguran.

“Dende o Sindicato Labrego Galego imos seguir vixiantes para que se cumpra o acordo acadado hoxe. Seguiremos esixindo unha participación real da cidadanía á que representamos, non imos permitir órganos de paripé. Non se poden utilizar os órganos de interlocución como unha pantalla ou un xeito de burlarse das organizacións sociais e da propia sociedade dando a entender que se está a ter en conta as demandas da cidadanía nunha materia tan sensíbel como son os servizos sociais, pero logo eludir concretar a información ao respecto”, reivindicou Margarida Prieto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta