Así monetizará Facebook a compra do Whatsapp

Moito se está a falar dos 19.000 millóns de dólares que Facebook paga por Whatsapp. Está a xenerar medos e unha boa xeira de descargas para outras aplicacións competidoras como Telegram. Analizamos cales son os posibles plans que Facebook ten para os teus chats en Whatsapp

Por Rubén Bastón | Bueu | 27/02/2014

Comparte esta noticia

Facebook comprometeu 19.000 millóns de dólares na compra do chat de móbil Whatsapp (16.000 xa e outros 3.000 dentro duns anos). Sorprendeu non tanto pola xogada de que alguén mercase o Whatsapp como pola cantidade. Sen ir máis lonxe, o propio Facebook mercara a popular aplicación de fotos Instagram por 1.000 millóns de dólares. 

Ten sentido económico a operación?

De primeiras, non. É certo que Whatsapp ten 450 millóns de usuarios en todo o mundo. O seu crecemento foi rapidísimo e aínda hoxe medra a un ritmo de máis dun millón de usuarios novos ao día. Pero o potencial de monetización actual é pequeno, en comparación co asinado por Facebook, pois as condicións clásicas de Whatsapp son precisamente atractivas por cobrar só un dólar ao ano polo servizo e ter unha mensaxe clara de que non van poñer publicidade na app. Ou cando menos esa era a filosofía defendida unha e outra vez polos fundadores de Whatsapp: dous ex Yahoo que dicían vir fartos de tanto economicismo e que querían algo "puro" e útil para a xente...

Ou sexa que por cartos, polo menos polo potencial que ten o Whatsapp de darlle cartos tal e como funciona ata agora non é.

E isto... confiando en que Whatsapp siga medrando ao ritmo agardado e en que os usuarios actuais non se cambien a outra ferramenta semellante (ou mellorada). Léase aquí o Line (xaponés), o WeChat (chinés), o Spotbros (español...), ou o Telegram (o ruxerruxe destas semanas, de orixe rusa).

Que pensa facer Facebook con Whatsapp?

É bastante inxenuo imaxinar un cambio no que de sócato Facebook vaia a tomar control de Whatsapp e convertilo nun "miniFacebook", invadido de anuncios e cruzando os datos de xeito vsible para o usuario en Whatsapp. Non o fixo en Instagram. E sería pensar tanto que os profesionais de Facebook son bastante menos intelixentes do que son, como que os creadores de Whatsapp realmente venderon a filosofía de todo o que en teoría querian crear.

No acordo de venda de Whatsapp está incluído conservar o seu Plan de Negocio. Isto debería supoñer que, de primeiras, nada vai cambiar. Mark Zuckerberg, no seu perfil de Facebook, explicou parte dos seus plans, e especifica que basicamente o plan é o mesmo que con Instagram no seu momento: aproveitar, por unha parte, o coñecemento dos profesionais de Whatsapp para mellorar o Facebook Messenger, a aplicación de chat de Facebook. Para axudar a Facebook a adaptarse ao contorno móbil, vamos.

Vai quedar aí? É de supoñer que non. Entrando no medio prazo, é lóxico interpretar que Whatsapp acabará tendo conexións especiais con Facebook á hora de sincronizar bases de datos de amizades, ou publicar desde un sitio ao outro ou semellantes accións xa posibles con ferramentas sociais como Foursquare ou o propio Instagram. Mesmo, entrando no lado escuro da forza, habería xeitos de "aprender" dos datos pendurados polos usuarios en Whatsapp sen nin tan sequera poñer publicidade en Whatsapp. 

Como? Se Facebook sabe que o seu usuario Manolo Cabezabolo é o móbil "Tal" en Whatsapp... pode poñer as súas máquinas a funcionar para que use iso como fonte para detectar gustos e segmentacións en base a as cousas que diga, temas dos que fale, xente coa que interactúe (igual que xa fai no propio Facebook; e igual que se fai en Internet en xeral, non pensemos que Facebook é especialmente malvado nisto). E aproveite ese coñecemento para ofrecer anuncios en Facebook mellor segmentados e axeitados ás necesidades dos usuarios.

Facebook acaba de matar Whatsapp?

Somos ben esaxerados. Facebook está nunha carreira sen fin por adaptarse ao móbil, a súa febleza máis clara xa desde os tempos nos que decidiu saír a Bolsa. E isto vai nesa liña. Vamos a darnos todos de baixa de Whatsapp por isto? Non. Estaremos uns días baixando todos moi concienciados aplicacións alternativas como Telegram e, cando pase o temporal, serán moi poucos os que realmente teñan cambiado os seus costumes. E a capa de crecemento de Whatsapp a nivel mundial fará que a releevancia deses poucos sexa moi modesta.

Isto non quere dicir que Whatsapp vaia estar con nós o resto das nosas vidas. Nin de coña. Nin Facebook. Pero que a traslación de Whatsapp a outras redes, cando pase, non será por unha operación de 19.000 millóns de dólares, senón por moitos distintos factores que inclúen cuestións moi difíciles de controlar como o cansazo dos usuarios, a moda, a aparición doutra app rompedora (e Telegram non o é), e un punto de serendipity, de aleatoriedade. Así son as masas en Internet...

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Bastón Rubén Bastón (Bueu, 1982) é o director global do servizo de Social Media da empresa internacional de marketing online Elogia. Estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Mentres adquiría experiencia en La Voz de Galicia e na Radio Galega, adentrouse a fondo no mundo de Internet primeiro con proxectos de comunicación vía web e despois mediante blogs. Especializouse en 2.0 no 2007, cando entra en Elogia para impulsar o departamento de medios sociais. É coautor de dous dos libros colaborativos de referencia dos inicios da Web 2.0 en España: “Web 2.0 y empresa: manual de aplicación en entornos competitivos” (ANEI, 2008); “Libro Blanco de los medios sociales” (IAB-Spain, 2009). Colabora como profesor en varios cursos e posgraos vinculados ao Community management e a estratexia dixital ademais de ser conferenciante habitual en eventos de Social Media en Galicia, Barcelona e Madrid. O seu blog profesional 'Comunicación en medios sociales': http://rubenbaston.org