Novos modelos de financiamento cultural: o caso Elelelos

Levaba tempo con ganas de meterlle o dente a unha iniciativa como Elelelos. A nivel profesional, en contacto con empresas privadas, rara vez ten un a oportunidade de facer proxectos de micro mecenazgo. Foi mediante unha iniciativa de Retrouso de Cela (Bueu), asociación na que participo desde hai anos, como se deron os elementos precisos para probar o sistema. E véxolle moito, moitísimo potencial.

Por Rubén Bastón | Vigo | 22/11/2013

Comparte esta noticia

Moi resumido: tiñan unha gran inquedanza e moi poucos cartos. A idea é Elelelos: músicas de tradición oral no Concello de Bueu. Un dobre cedé no que o primeiro serán 80 minutos de recollas de campo de todos os rincóns de Bueu; e o segundo, 12 pezas reinterpretadas polo grupo.

 

Plantexámoslle o proxecto a Verkami, unha das plataformas de crowdfunding máis coñecidas a nivel español. E aceptouno. Plena transparencia. 40 días, límite de campaña. Se non chegas ao mínimo que dis precisar, non che dan nada. Verkami queda cun 5% de todo o que os mecenas dan. E o banco, outro 1,35%. As cartas sobre a mesa. Gústame.

 

Retrouso marcou o seu obxectivo inicial en 1.600€, a cantidade que si ou si precisaban para ir adiante. Superou esa cifra nunha semana. Marcou como segundo obxectivo 3.600€, o valor total do que lle custaba o disco. Aos 10 días pasara de 2100€. E ten ata o 17 de decembro de 2013.

 

Hai quen di que nun país que funcionase correctamente, un proxecto como Elelelos tería saído en base a unha axuda pública, pois é en moi boa parte dixitalización e difusión de música tradicional galega. Sexa como for, toca cambiar a mentlidade. Temos que buscarnos as castañas. E o bo é que a sociedade galega está preparada para ese cambio.

 

Nos primeiros días, máis de 100 persoas compartiran a ligazón a Elelelos no Facebook. A corrente de opinión xenerada foi tan positiva, que houbo quen se achegou para facer contribucións offline. A xente quere axudar, está no ADN da Internet social. Se lle dás as canles axeitadas, confía en ti, aposta polas cousas ben feitas.

 

No caso de Elelelos, estou orgulloso de dicir que están a superar as nosas expectativas. E isto non significa máis que hai unha demanda latente en Galicia para proxectos semellantes. Espero que, sen termos sido os primeiros, teñamos aberto unha pequena vía para que outros colectivos modestos como Retrouso se decaten de que o seu potencial só ten un límite: aquilo que poidan soñar.

 

Nós, se pasamos dos 3.600€, xa temos o noso seguinte soño: poder facer un videoclip.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Bastón Rubén Bastón (Bueu, 1982) é o director global do servizo de Social Media da empresa internacional de marketing online Elogia. Estudou Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Mentres adquiría experiencia en La Voz de Galicia e na Radio Galega, adentrouse a fondo no mundo de Internet primeiro con proxectos de comunicación vía web e despois mediante blogs. Especializouse en 2.0 no 2007, cando entra en Elogia para impulsar o departamento de medios sociais. É coautor de dous dos libros colaborativos de referencia dos inicios da Web 2.0 en España: “Web 2.0 y empresa: manual de aplicación en entornos competitivos” (ANEI, 2008); “Libro Blanco de los medios sociales” (IAB-Spain, 2009). Colabora como profesor en varios cursos e posgraos vinculados ao Community management e a estratexia dixital ademais de ser conferenciante habitual en eventos de Social Media en Galicia, Barcelona e Madrid. O seu blog profesional 'Comunicación en medios sociales': http://rubenbaston.org