Por GcToday | Santiago de Compostela | 24/10/2021 | Actualizada ás 21:00
A nova rede social, que vai operar inicialmente en Galicia, nace inspirada noutro servizo moi popular de orixe francés que fai posible que persoas que queren desprazarse a un mesmo lugar ao mesmo tempo podan organizarse para viaxar xuntos e aforrar cartos na viaxe.
Diante do efecto dominó de peche de entidades bancarias en Galicia e vista a indignación xerada na poboación, unha galega extraballadora de Jujel tivo unha iluminación. Por que non volver aos tempos de antes nos que se lle preguntaba ao veciño se ía á feira para acoplarse e compartir coche? Por que non facer unha especie de ‘BlaBlaCar’ pero para viaxes a entidades bancarias?
Por que non volver aos tempos de antes nos que se lle preguntaba ao veciño se ía á feira para acoplarse e compartir coche?
E así foi como Pepucha se inspirou para idear unha aplicación que conecte a galegas e galegos que teñan a necesidade de ir ao Banco, ben porque a súa entidade queda agora a centos de quilómetros do seu domicilio, ben porque non controlan as tecnoloxías ou ben porque as tecnoloxías non lle dan solución ao que precisan do banco.
O rural galego está quedando deserto de entidades bancarias e moitas e moitos maiores non poden facer xestións tan básicas como sacar diñeiro en efectivo, “o móbil non me dá cartos, eu non sei andar no caixeiro e o banco máis próximo téñoo agora a cen quilómetros”, dicíalle a Pepucha non hai moito un paisano. Esta situación que está prexudicando a moita xente, en maior medida á xente maior, fíxolle reaccionar e así foi como creou “BlaBlaCarBank”, un servizo que achega a xente ao banco máis próximo ao tempo que lle fai aforrar cartos no desprazamento.
Descargando unha aplicación moi intuitiva poderase acceder e acordar acoplamentos noutros coches para programar viaxes aos bancos máis próximos. Para facer accesible o servizo a xente que non saiba manexarse con estes adiantos facilitarase un teléfono no que poden xestionar a través dun operador ou operadora a viaxe a realizar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.