Por X.M. Fernández | Santiago de Compostela | 20/02/2021 | Actualizada ás 21:00
Os axentes da Garda Civil, coñecedores de numerosas denuncias de roubos perpetrados no rural galego este inverno, andaban detrás da pista dunha banda criminal dende varias semanas atrás, pero foi estes días cando procederon á detención dunha familia no seu propio domicilio.
No momento da detención comprobaron que nun galpón anexo á vivenda había gran cantidade de produtos obtidos de matanzas caseiras: chourizos, salchichóns, botelos, costelas salgadas, soá, untos, lacóns, roxóns, etc. Tamén procederon ao rexistro da casa e nela atoparon varios ordenadores e produtos xa preparados para ir metendo nas caixas ou lotes que, presuntamente, comercializaban a través dunha tenda online baixo o reclamo comercial “Matanza-Morriña”.
Efectuadas as oportunas comprobacións, e contrastando as evidencias coas declaracións dos detidos e detidas, chegaron á conclusión de que se trataba dunha confusión. O que semellaba ser a banda criminal perseguida, non era tal. Tratábase dunha familia normal e corrente, asentada no rural e sen ningunha intención ilexítima nin lucrativa.
Segundo relataba unha das detidas, “este ano xuntámonos cunha chea de produtos da matanza que non se dán comido. Están os arcóns a tope!. Entre o que quedou do ano pasado, os vellos que xa case non comemos por culpa do colesterol, o que se deixou de vender para restaurantes, xuntanzas familiares e festas de entroido, máis todo o que nos regalaron veciños e familiares…” Pois mire con canta cousa nos xuntamos, e a comida non a imos tirar, ou?”.
E claro, non tendo intención de tirar o excedente de embutidos, e outros derivados do porco, decidiron enviar lotes a familiares e amigos de diferentes puntos do Estado e incluso de Europa. “Que quede claro que nós non buscabamos gañar cartos, só nos ingresaban os custes de envío”, subliñaba un dos detidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.