A Xunta comprométese a "regular e asentar" a oferta de autocaravanas en Galicia

Alfonso Rueda asegurou que colaborará co sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2021 | Actualizada ás 20:33

Comparte esta noticia

Este sábado celebrouse unha nova Asemblea ordinaria e extraordinaria da Asociación Galega de Autocaravanas, na que participou o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e onde se comprometeu a "colaborar co sector para regular e asentar a súa oferta en Galicia".

Dita oferta, sinala o departamento autonómico nun comunicado, creceu moito nos últimos anos, sobre todo debido á pandemia de coronavirus. "Galicia é un paraíso para o autocaravanismo porque ofrece un turismo tranquilo e non masificado en espazos abertos e en contacto coa natureza que se adapta tamén ao modelo de turismo no que traballa a Xunta, baseado na seguridade, a calidade e a sustentabilidade".

Este verán, destacaron, Galicia superou en 25 puntos a ocupación respecto de 2019, situándose en agosto como o único destino en superar as cifras turísticas prepandemia. No caso dos cámpings turísticos nos que poden estacionar caravanas e autocaravanas mesmo se alcanzaron máximos históricos con máis de 800.000 noites entre xullo e agosto e máis de 200.000 viaxeiros.

Alfonso Rueda destacou que para reforzar a calidade e harmonizar os servizos dispoñibles en Galicia para os turistas en autocaravana, aprobou en 2019 un decreto para regular os campamentos turísticos que incorporou a especialización dos cámpings en exclusiva para caravanas e autocaravanas ou os cámpings temáticos.

Desta regularización automática quedan excluídas as zonas de acollida para caravanas e autocaravanas en tránsito que corresponde ás entidades locais, "aínda que a Xunta colabora para poñer en marcha unha ordenanza tipo con criterios comúns para autorizar o seu estacionamento favorecendo a convivencia entre visitantes e veciñanza, así como o respecto á contorna natural".

Por outra banda, a Xunta lembra que colabora na posta en marcha de actuacións en espazos para autocaravanas a través de axudas para levar a cabo melloras en establecementos turísticos, incluídos os campamentos turísticos, así como para mellorar as infraestruturas turísticas de concellos de menos de 10.000 habitantes. As subvencións están dotadas este ano con 3,5 millóns de euros, cada liña.

Asemblea ordinaria e extraordinaria da Asociación Galega de Autocaravanas. XUNTA
Asemblea ordinaria e extraordinaria da Asociación Galega de Autocaravanas. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta