Feijóo vén de anunciar un plan de emprego xuvenil dotado con 100 millóns de euros, a cuarta parte do que leva custado a Cidade da Cultura, por poñer un referente. Seica tardou seis anos en albiscar o problema. Seis anos sen facilitar unha alternativa ós mozos e mozos galegos que saen ó mercado laboral para atoparen unicamente un deserto.
Quizais o “problema” ao PP tócalles lonxe. Os seus dispoñen de mecanismos para tornar o deserto nun verxel. Para os mozos do común, porén, as cousas nunca estiveron tan horribles. Convén ilustrar a situación con casos certos, facer visibles os números e dotalos de caras e nomes. Utilizaremos nesta ocasión o nome fiticio de Marta para relatar unha historia verídica 100%. Atención ao relato:
Após rematar o bacharelato con magníficas cualificacións, Marta cursou enxeñería de deseño industrial en Barcelona nunha facultade de prestixio recoñecido. Por non ter aínda dispoñible a súa Universidade o segundo ciclo (máster na terminoloxía Boloña), trasladouse primeiro a Valencia, para rematar o último curso en Salzburgo. Malia ser o ensino en inglés, lingua que Marta xa dominaba, acadou un nivel mínimo en alemán de xeito que a seguir dirixiu os seus pasos cara a Berlín.
Aínda cun nivel baixo de idioma, presentouse a unha proba para traballar en Bershka, que acababa de abrir as súas portas na capital xermana. Conseguiu entrar como dependenta e durante un ano dedicouse á tenda de Inditex e a desenvolver o seu coñecemento de alemán. Cobraba uns 900€ ó mes, o seu horario cambiaba cada día e as vacacións eran fixadas pola xerencia do comercio. Dado que Marta tiña pendente unha pequena operación cirúrxica en Galicia, houbo solicitar dúas semanas sen retribución para poder levala a cabo.
Transcorrido o ano de contrato, a enxeñeira galega decide non renovalo (ofrécenllo), anótase na oficina de emprego e empeza a solicitar traballo no campo dos seus estudos. No seu curriculum vitae, ademais dalgúns proxectos nos que participara, destaca o nivel profesional acadado en cinco idiomas: castelán, catalán, portugués, inglés e alemán.
Primeira mala nova: non ten dereito a contraprestación ningunha pois non completou o ano de contrato. Segunda mala nova: envía preto de 100 solicitudes e recibe tan so catro convocatorias de entrevista. Terceira mala nova: aos tres meses, chégalle un requirimento para pagar 700€ á Casa de Saúde (entidades que xestionan o que en España vén sendo a Seguridade Social) onde está inscrita. Disque tiña que facerse cargo dese custo unha vez cesou a relación laboral con Bershka. Tras múltiples xestións, presenta un formulario de alegacións solicitando a anulación do expediente.
Durante o ano e medio que leva vivindo en Berlín, ten que mudar de residencia en varias ocasións pois non termina de encontrar un lugar cun formato estable de aluguer; tódalas opcións que atopa son provisionais e precarias, ademais de compartidas, evidentemente. Unha vivenda axeitada revélase un imposible para un inmigrante.
Por fin consegue un contrato. Trátase dunha empresa de deseño industrial que lle ofrece o que aló chaman un “Praktikum”. Páganlle 400€ ó mes, oito horas diarias, cinco días á semana. Nestes case catro meses na empresa, Marta leva deseñados, de principio ao final, un stand, uns cascos, un soporte para tablet, un usb solar e un muíño de vento portátil. Por 400€ ó mes.
Ten que acudir a un especialista por problemas médicos. Preséntase ou chama a seis facultativos, ningún dos cales acepta atendela por non ser unha paciente habitual. Desesperada, regresa á consulta onde a recibiron con certa empatía e unha enfermeira, no mostrador, escóitaa e recoméndalle unha medicación.
E volven as malas novas. A Casa de Saúde reclámalle 3.500€, aqueles 700 iniciais co recargo correspondente, máis 2.100€ polos tres meses que leva na nova empresa. Repite as xestións pasadas e volve presentar unha nova reclamación. Escribe, ademais, á embaixada española solicitando asistencia.
Tras xuntar un voluminoso expediente de documentos requiridos, presenta unha solicitude para recibir unha renda complementaria para casos de reducidos ingresos. Con ela, espera aboar o recibo da Casa de Saúde (que non paga a empresa neste contrato!) e parte do alugueiro e do transporte. Após pasar por distintas dependencias, por fin lle revisan a documentación. Pregúntanlle por un ingreso de 300€ que identifican na súa conta. É unha transferencia da miña nai para mercar uns mobles, contesta. Parecen quedar satisfeitos: se fose unha axuda periódica, xa non tería dereito á renda complementaria.
E aí fica agardando. Ten unhas molestias nun ollo, como as que produce unha area, pero non se atreve a ir ó oftalmólogo. En Galicia, dende logo, xa tería acudido. Acaba de recibir a contestación da embaixada española: que non están para ese tipo de consultas e que se vaia apañando.