Localizan á filla dun dos asturianos fusilados en Celanova no 1939

Josefa Fernández Gutiérrez, que hoxe ten máis de 80 anos, tiña apenas un mes cando seu pai foi capturado polos fascistas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2021 | Actualizada ás 21:30

Comparte esta noticia

Foi en xuño de 2021 cando o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova realizou diferentes publicacións nas redes sociais e en medios de comunicación estatais, asturianos e galegos seguindo o fío da historia de Marcelino Fernández García. El, con 21 anos, foi un dos sete asturianos fusilados por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos contra o muro do cemiterio de Celanova na mañá do 22 de setembro de 1939, logo soterrado nunha fosa común no propio camposanto.

Oliva e Josefa, a principios dos corenta en Xixón.
Oliva e Josefa, a principios dos corenta en Xixón. | Fonte: cedida

Agora, tras varios meses nos que malia a axuda de activistas asturianos da memoria non se conseguiu ningún avance, veñen de localizar á filla de Marcelino Fernández García: Josefa Fernández Gutiérrez, quen con máis de 80 anos se prepara para vir por terceira vez a Celanova para honrar a memoria do seu pai.  A familia de Marcelino Fernández, como no caso da familia de Abelardo Suárez, desexa que se proceda á exhumación.

Foron precisamente os fillos de Josefa Fernández os que, no medio da busca, se puxeron en contacto co Goberno de Asturias en canto tiveron noticia da recente homenaxe (o 25 de setembro) en Celanova a uns asturianos fusilados xa rematada a guerra. 

Dende o Comité sinalan que Josefa Fernández Gutiérrez tiña apenas un mes cando seu pai foi capturado polos fascistas no porto de Xixón o 21 de outubro de 1937. Oliva, a súa muller, veu visitar ao seu marido xunto á filla de ambos para que Marcelino Fernández a coñecese e viaxaron a Celanova despois de facer unha colecta entre as veciñas. Estiveron na vila uns días "grazas á xenerosidade da familia da casa na que paramos", lembra Josefa Fernández.

Nai e filla volveron a Celanova nos anos setenta. Querían topar a tumba de Marcelino.

Marcelino Fernández García, fusilado en Celanova aos 21 anos por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos.
Marcelino Fernández García, fusilado en Celanova aos 21 anos por un pelotón da Bandera de Falange de Marruecos. | Fonte: Cedida

Oliva escribiu unha carta que figura no expediente carcerario do seu home, con data do 11 de

maio de 1979, na que reclamaba os seus dereitos como viúva. Morreu con 74 anos despois

dunha vida “moi dura, vivindo as dúas alugadas, ela traballando en casas, case sen cartos para comer... nunca superou a morte do meu pai”, di Josefa nunha conversa telefónica co Comité na que se mostra decidida a volver a Celanova para visitar a tumba e honrar a seu pai, facer as probas de ADN e promover a exhumación.

A INVESTIGACIÓN

O Comité iniciou a investigación sobre a fosa a finais de 2020. As publicacións do historiador

Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, e as fontes orais achegaron as primeiras pistas. O Comité publicou as actas de defunción dos 7 homes e, a continuación, deu a coñecer as causas que permanecen no Arquivo Militar de Ferrol.

 

Esa documentación enviouse tamén á Dirección General de Memoria Democrática, da Consejería de Presidencia del Gobierno de Asturias. A directora general de Memoria, Begoña Serrano, mostrou "desde o primeiro momento" a disposición do seu departamento a colaborar, indican dende o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova. E esa colaboración concretouse na participación do Goberno asturiano na primeira homenaxe aos 7 asturianos celebrada en Celanova o 25 de setembro.

 

Xa a comezos de outubro, Gracia Gutiérrez, neta de Abelardo Suárez Del Busto -outro dos fusilados-, visitou a tumba e entrevistouse con membros do Comité. Gracia é un dos tres

familiares directos vivos de Abelardo.

 

Os sete presos fusilados aquela mañá do 22 de setembro en Celanova son: Abelardo Suárez del Busto (28 anos, albanel e natural de Xixón, Alfonso Moreno Gayol (26 anos, chofer e natural de Salamanca), Baldomero Vigil Escalera Vallejo (19 anos, pintor e natural de Xixón), Belarmino Álvarez García (29 anos, mineiro e natural de Sama de Langreo), Guillermo de Diego Álvarez (25 anos, chofer e natural de Mieres), Marcelino Fernández García (21 anos, mecánico e natural de Mieres) e Mariano Blanco González (36 anos, litógrafo e natural de Xixón).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta