Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2021 | Actualizada ás 22:15
Por vivir no contexto da defensa das liberdades na España "gris" de mediados do século XIX, por ser obxecto da denuncia ecolóxica pioneira de Rosalía de Castro, por estar ao pé do Camiño Portugués e dun mosteiro de orixe románico e por recibir en 2018 e 2019 o abrazo de miles de persoas na apertura pública do bosque. Eses son os motivos polos que o lonxevo carballo do Banquete de Conxo, en Santiago de Compostela, é a candidatura galega a Árbore Europea 2022.
A candidatura, xa lanzada, debe competir primeiro coas outras dez candidaturas nacionais e, no caso de resultar gañadora, competirá coas árbores presentadas polo resto de países.
O carballo ten máis de 250 anos de vida, 30 metros de altura e case catro mide o perímetro do tronco. Segundo destacan dende a organización do concurso, este carballo é "un símbolo": unha resistencia "ás tallas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante o século XIX e XX". Así, apuntan que malia que o Banquete de Conxo chegou a albergar ata 1.000 carballos, hoxe quedan en pé uns 40.
O bosque foi testemuña no 1856 do histórico Banquete Democrático de Conxo, no que estudantes universitarios serviron á mesa aos artesáns e obreiros como símbolo da igualdade. A reapertura do bosque para os veciños de Santiago e visitantes é recente e data da primavera de 2018, posto que durante máis de 130 anos o espazo destinouse para uso exclusivo dos usuarios do entón Manicomio de Conxo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.