A RAE acepta que se use Orense, La Coruña ou Sangenjo

ProLingua pídelle á RAG, Secretaría Xeral de Política Lingüística e aos partidos que pidan a esta institución que modifique a normativa onde acepta o carácter bilingüe dos topónimos galegos cando se usan en castelán.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/03/2014 | Actualizada ás 17:07

Comparte esta noticia

A asociación de defensa da lingua Prolingua vén de remitirlle unha carta á Real Academia Galega, á Secretaría Xeral de Política Lingüística e aos partidos políticos (con ou sen representación no Parlamento) para que se dirixan á Real Academia Española e lle pidan que reconsidere os seus ditames sobre a toponimia galega. 

Un dos informativos da TVE no que se pode ver 'Ría de Arosa'
Un dos informativos da TVE no que se pode ver 'Ría de Arosa'

Denuncian que tanto o Diccionario panhispánico de dudas, como a última edición da Ortografía de la lengua española (2010) indican que se pode usar formas como Sangenjo ou Orense, incumprindo así a legalidade. "Sería bo un acordo no que voguen na dirección dos tempos e que respecten e fagan respectar a legalidade, porque non son formas lexítimas", apunta esta entidade. 

Esta é a súa carta:

Nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas

En libros escolares en castelán que se estudan en Galicia e en España, por desgraza, é habitual vermos topónimos galegos coa forma castelanizada, como ocorre con La Coruña para indicar a cidade onde naceu a escritora Emilia Pardo Bazán. Nas últimas semanas, en telexornais e noutros programas das TV estatais, cando se informaba dos efectos dos fortes temporais no litoral e no interior de Galicia, víanse nas pantallas ou escoitábanse topónimos castelanizados como La Coruña, La Guardia, El Cebrero, Orense, Ginzo de Limia ou Arosa (para se referir á ría), no canto das formas correctas e lexítimas A Coruña, A Guarda, O Cebreiro, Ourense, Xinzo de Limia e Arousa, feito que ProLingua recentemente denunciou nun comunicado.

É posible que os que redactan eses libros de texto en castelán ou as noticias dos informativos en que se usa toponimia castelanizada, ignoren cales son as formas galegas oficiais hoxe; pero tamén pode ser que actúen así por seguir as recomendacións e ditames da RAE (Real Academia Española), en moitas ocasións enfrontados coa legalidade vixente.

No Diccionario panhispánico de dudas (a 1ª edición impresa é de outubro de 2005), tal como pode lerse no sitio web, La Coruña é nome tradicional en lingua castelá da provincia e da cidade de Galicia cuxo nome en galego é A Coruña, mentres que Orense é nome tradicional castelán da provincia e da cidade galega que en galego se denomina Ourense; e a seguir, a RAE ditamina que, agás en textos oficiais, “donde es preceptivo usar el topónimo gallego como único nombre oficial aprobado por las Cortes españolas, en textos escritos en castellano debe emplearse el topónimo castellano”, co que se establece un estraño e paralegal dobre uso de formas cando o Parlamento de Galicia oficializou para esas provincias e cidades unha única forma, a galega, e o mesma faría anos despois o Congreso dos Deputados, como a propia RAE recoñece nese dicionario de dúbidas.

Na última edición da Ortografía de la lengua española (2010), da RAE e da Asociación de Academias de la Lengua Española, na páx. 642 , ao referirse á toponimia das zonas españolas denominadas bilingües que contan con dúas formas, unha adaptada ou traducida á lingua castelá e outra propia da lingua autonómica cooficial, considérase que o natural é que os falantes escollan unha ou outra en función da lingua coa que elaboran o discurso; e xa que logo, “los hispanohablantes pueden emplear, siempre que exista, la forma española de estos nombres geográficos, y transferir aquellos topónimos que posean una expresión única, catalana, gallega o vasca”, que se exemplifica con Pasó la mayor parte del verano en Sangenjo, pero tuvo tiempo para visitar Bilbao y llegar hasta Gerona; Su familia vive en Sant Feliu de Guíxols. Idéntica recomendación, e con redacción semellante, pode verse na páx. 220 do recente El buen uso del español (2013), tamén da autoría da RAE e da Asociación de Academias de la Lengua Española, e cos mesmos exemplos de Sangenjo, Bilbao e Gerona. Como neste caso non se alude ás transferencias toponímicas das outras linguas españolas non aparece o topónimo catalán Sant Feliu de Guíxols, que así aparece citado –sen adaptar nin traducir-, na obra anterior.

No tratamento dos exónimos, a RAE considera que se a forma “tradicional” española correspondente a un topónimo estranxeiro non se usa ou pasou a considerarse politicamente inadecuada, esta situación forza a que se reemprace coa forma local do topónimo, proceso que a propia Academia considera irreversible cando esta última se asenta como preferida, como ocorre con Bremen (antes Brema) e Ankara (antes Angora) (páx. 646 da Ortografía), e o mesmo pasa co desusado Mastrique para o que se prefire a forma transferida Maastricht (páx. 645). A RAE recoñece que nos medios de comunicación se están a espallar exónimos que difiren dos tradicionais en castelán (Mumbai por Bombay ou Beijing por Pekín), pero considera que soamente se debe adoptar a nova forma cando sexa un verdadeiro cambio de nome, “fruto de una decisión política de carácter oficial”, como San Petersburgo por Leningrado ou Sri Lanka por Ceilán.

Consonte este tratamento que se lles dá aos exónimos cunha forma tradicional “politicamente inadecuada” e tendo en conta que houbo “decisión política” para cambiar oficialmente tantos nomes de lugares galegos que foran castelanizados ou deturpados, pedímoslle á Real Academia Española que revise os seus ditames e recomendacións sobre a toponimia galega (e tamén a catalá e a vasca), porque tanto se unha persoa elabora o discurso en castelán como se o fai en francés, en alemán ou en galego deberá dicir que o río Miño pasa por Ourense, que Emilia Pardo Bazan naceu en A Coruña e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao en Rianxo, que a ría da Arousa é o maior banco de marisco da península ibérica e que o actual presidente do goberno español pasa os veráns en Sanxenxo.

Pedímoslle á RAE que recomende transferir á lingua castelá topónimos galegos coma os acabados de citar, e tantos outros hoxe oficialmente recuperados, e que se consideren desusadas, anticuadas e politicamente inadecuadas castelanizacións, semicastelanizacións e deformacións como Orense, La Coruña, Rianjo, Arosa, Sangenjo, El Cebrero, Ginzo de Limia e outras moitas formas, e que estas recomendacións llelas faga chegar aos medios de comunicación, universidades, organismos administrativos centrais e autonómicos etc.

Por outra parte, en moitos mapas e atlas virtuais e impresos editados para todo o mundo no último decenio (Guía Michelín, Google Maps etc.) as únicas formas que aparecen son as autóctonas e legais galegas: Ourense, A Coruña, Rianxo, Sanxenxo, O Cebreiro, Arousa, Xinzo de Limia etc., polo que non damos comprendido esa teima a contracorrente e paralegal da RAE se non é por motivos estritamente ideolóxicos e extralingüísticos.

Xa que logo, Prolingua, plataforma apartidaria a prol da lingua galega, pídelle á RAE que non cíe, que non vogue cara a atrás, e que respecte a toponimia autóctona da lingua galega (non tan diferente como para provocar descoñecemento nun hispano falante) e que recomende o seu respecto nos manuais de estilo dos medios de comunicación e das editoriais e aos responsables de universidades, corpos e forzas de seguridade do estado, administracións públicas etc.

Asemade, ProLingua, faille un chamamento á Real Academia Galega e así mesmo ás institucións e colectivos de defensa da lingua, á Secretaría Xeral de Política Lingüística, á Xunta de Galicia, aos partidos políticos (con ou sen representación no Parlamento) e ás persoas que traballan pola dignificación de Galicia e pola recuperación dos seus sinais identitarios (e a toponimia é un deles) para que se dirixan á Real Academia Española e lle pidan que reconsidere os seus ditames sobre a toponimia galega, que vogue na dirección dos tempos e que respecte e faga respectar a legalidade, porque nin Sangenjo nin Orense son formas lexítimas.

ProLingua, 3 de marzo do 2014

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 55 comentarios

9 incríbel

Galicia, ese lugar onde a RAG recibe paus de todo tipo ("que malo te me es el gallego 'normativo', acéptame 'pulpo', ho", "buah, es que cambia mucho la normativa, mintiendes", etc), mais logo as consignas da RAE acéptanse coma dogmas de fe. Algo falla...

1 Coromines

É o que lhe tem nom ter personalidade, nem critério próprio e ser uma simples lambe-cus da RAE...

2 Panxon

jajajajaj, deixa de queixarte e aprende a falar que es ti o primeiro que rompe coa normativa ;)

8 ixtlan

Vaia panda de comentaristas españoleiros que estades feitos os que botades a lingua a pacer respecto deste (interesante) artigo. O feito de escribirdes en galego non oculta a vosa españolidade furibunda, tramposa e belixerantemente anti-galego nin un milímetro. Cando acomplexado das silveiras pulula por estes lares... mi madriña!

1 ixtlan

Graciñas ós que poñedes un pouco as cousas no seu sitio. Mesturar a crítica á desafortunadísima RAE con Batasuna, a Mesa e que sei eu só demostra a catadura moral e intelectual de quen formula tan disparatadas e terxiversadas comparacións. Sentidiño!

7 Galego

Que patochada. É este o día dos Inocentes? Quenes son estes necios para dicilo a RÁE, unha institución con varios séculos de soleira, como teñen que poñerse en español os topónimos Acaso pide RAE como se teñen que dicir en galego?¿Acaso alguén no Reino Unido obríganos a dicir London cando falamos en castelán ou galego? E logo dirán Xetafe e Xaén os moi hipócritas

1 Gregorio Calzador

Quen é a RAE, un grupo endogámico de elexidos entre eles mesmos, para ir en contra da vontade popular refrendada por unanimidade nos parlamentos galego e español ? A RAE pode ir en contra das leis cando lle sae do capricho ? O a RAE está exenta de cumprir coas leis ? A RAE cambia e decreta que xa non se diga Leningrado nin Ankara nin Ceilán por seren "politicamente inadecuados", porén non é "politicamente inadecuado" ir contra unha lingua minorizada e máxime cando hai disposicións legais que a protexen ? Outra cousa son as trapalladas que usan na TVG tipo Xaén ou Xetafe, iso non ten razón de ser. A ver se nos respectamos todos, non?, xa vai sendo hora, xa somos maiorciños...

2 Antón

Darlle a razón a RAE porque ten séculos, é coma darlla a Inquisiciòn. Claro que se cadra tamén lla das.

3 Nova Yorque

Entón darlle a razón a non se que idea de Galicia porque foi fundada polos suevos tamén é un disparate? Por certo, para endogámica e anticuada temos a RAG con Ferrín, a súa filla e o seu xenro.

6 PandaLarcháns

Se o nacionalismo non triunfa en Galicia penso que é en boa medida porque un día sí e outro tamén fan o ridiculo e visibilizan a súa intolerancia, o dogmatismo, o xeito de pontificar co que a xente parte o peito. Algún día cambiarán o chip por persuadir e non tratar de prohibir, impor e pechar espazos de liberdade; ou deixar de xerar ese ambiente coactivo, irrespirable, que a xente lembra do bipartito cando a Mesa "abría expediente" a comerciantes que non usaban o galego, ou se tiraban pedras a tendas de Antonio Pernas por idem.

1 Priscilianus

Pois si. Algún día haberá que facer unha auditoría sobre todo o que trincó a Mesa, Prolingua e demais chiringos que axudan a que uns cantos se forren, e que o galego se impregne de m.

2 Pousada

De acordo, empecemos por contabilizar todo o que trincaron do erario público nestes últimos 30 anos a RAE, o Instituto Cervantes, a FAES e todos os chiringuitos do español. E logo comparámolo co que queirades do galego. E logo calade a boquiña se tendes decencia.

3 Antón

Coido que é moito pedir que teñan decencia...

4 Bibliotecarias de Expaña

Cada vez que vexo gabias boto en falta algo dentro delas.

5 Nemigo

Alacant, en galego é Alacant Non ten senso o que perpetra a RAE máis tendo en conta que a cousa roza o absurdo cando din Chandreja de queja, Viana del bollo, valle del oro ou estupideces como din na wikipedia con Bueymuerto, la capilla, negrera e o esperpéntico Betanzos INFIESTA (sic) ou Pinoy