Por Europa Press / Redacción | Compostela | 04/11/2021 | Actualizada ás 19:07
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou, tras a reunión semanal do seu Executivo, que a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras --'Edulingüe 2030'-- inxectará 83 millóns de euros no sistema educativo en catro anos para "accións de alto impacto e especialización na aprendizaxe de idiomas".
"O obxectivo é conseguir en 2030 que o 85% dos centros educativos desenvolvesen o modelo plurilingüe", incidiu Feijóo, quen explicou que se ampliará o plurilingüismo aos ensinos de Réxime Especial, como danza, conservación, restauración de bens e ensinos deportivos, entre outras.
Este salto compleméntase con actuacións que pasan por un reforzo da inmersión lingüística e de programas como unha maior oferta de estancias de proximidade por distintos puntos de Galicia fóra do horario lectivo para aprender idiomas nun contexto lúdico e de interacción persoal, como serían, por exemplo, os campamentos de mocidade plurilingües.
Ademais, a nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras inclúe unha liña para compartir as boas prácticas entre centros; e o reforzo da certificación de competencias lingüísticas para alumnos e profesores de, modo que poidan ver recoñecidos os seus coñecementos dentro do Marco Europeo Común de Referencia.
Tamén a implantación dun programa denominado Linguas en Acción para mellorar a formación docente e profundar na especialización e internacionalización, incluíndo programas de intercambio.
CENTROS PLURILINGÜES DE EXCELENCIA
Na súa intervención, o presidente da Xunta anticipou tamén que se contempla a creación de centros plurilingües de excelencia.
Por outra banda, no que respecta a innovación, 'Edulingüe 2030' recolle iniciativas para conseguir unha cidadanía dixital plena mediante estratexias de ensino apoiadas na tecnoloxía e que teñen continuidade ao longo de toda a vida, ou coa oferta de ferramentas de aprendizaxe con recursos dixitais a disposición de toda a cidadanía.
Feijóo concluíu que 'Edulingüe 2030' "dá continuidade ao traballo iniciado no curso 2010-2011 e recolle, perfecciona e amplía a aposta polo plurilingüismo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.