Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2014 | Actualizada ás 17:55
O maxistrado Luís Aláez, titular do xulgado de instrución número 3 de Santiago, segue adiante con paso firme na investigación do accidente de tren de Santiago e, lonxe, de buscar só responsables técnicos ou traballadores de Renfe, notificou este xoves un auto polo que chama a declarar a cinco cargos do xestor ferroviario Adif.
Deste xeito, o xuíz insiste en analizar o papel que o Executivo central, a través do seus entes ferroviarios, tivo nesta traxedia, máis aló dos posibles erros humanos. Dalle, deste xeito, resposta as reivindicacións dos familiares que tamén quere que se investigue a responsabilidade do Goberno nesta traxedia.
Estes cargos deste ente controlado polo Goberno central son o director de Planificación e Recursos da Rede de Alta Velocidade, Pedro G.P.; o director de Planificación e Xestión de Capacidade, José E.G.; o subdirector de Planificación e Xestión de Capacidade, Luís Carlos S.L.; o xefe de Adxudicación de Capacidades, Luís S. do C.; e o director de Mantemento e Explotación, Alfonso O.de O.G., informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O maxistrado coincide en que as solicitudes do maquinista van destinadas "a esclarecer cuestións discutidas na presente instrución, como o carácter de Alta Velocidade da liña Ourense-Santiago de Compostela", outras de carácter técnico e o ámbito de "operatividade do ERTMS".
Sobre este sistema de seguridade, o xuíz valora a pertinencia da demanda "dadas as diferenzas entre o que aparece documentado respecto diso e o que aparece constatado na vía onde se produciu o accidente".
Ademais, considera de "interese para a investigación coñecer se a infraestrutura, o material rodante, o control-mando sinalización e o tren Alvia S-730 gozaban dos preceptivos certificados ou certificacións, ou se se fixeron Estudos e Avaliacións de Riscos".
Este auto coincide, ademais, coa véspera da declaración ante o mesmo xulgado de tres técnicos de Renfe, o xefe e o coordinador de maquinistas e un membro da Xerencia de Seguridade na Circulación de Viaxeiros. Un destes técnicos foi o autor dun informe no que se alertaba dos riscos para a seguridade no tramo en que tivo lugar o accidente.
Estas citacións chegan logo das dilixencias solicitadas polo avogado do maquinista do tren no momento do accidente, Francisco José Garzón Amo, polo que demanda de Adif, Renfe e Talgo, sobre todo das dúas primeiras, numerosa documentación.
Por iso, o xuíz solicita once documentos a Adif, entre eles "o modificado polo que se acurtaba a instalación ERTMS excluíndo a entrada á Estación de Santiago".
Pide así mesmo a totalidade dos informes e incidencias referidos ao ERTMS da liña 082 e das actas do Comité de Dirección dos anos 2010, 2011 e 2012, así como que se certifique por Adif se a desconexión do ERTMS o 25/06/2012 foi notificada ao Comité de Dirección ou a algún dos seus membros" e se foi "antes ou despois da desconexión".
Entre a numerosa documentación solicitada a Adif, atópase tamén a Identificación e Avaliación de Riscos de Erros Humanos, inicial e actualizacións, coas súas datas, así como o Estudo e Avaliación de Riscos da Liña 082.
A Renfe, o instrutor demándalle toda a documentación referente ao "proceso íntegro de certificación" do tren Alvia S-730, así como a relativa a "a solicitude realizada pola Dirección de Produción da área de Negocios de Viaxeiros de desconectar o ERTMS nos trens 730".
Finalmente, a Talgo pídelle "toda a documentación referente ao proceso íntegro de certificación, desde o inicio á finalización, do Tren Alvia S-730".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.