“A transmisión do coronavirus por secrecións oculares e bágoas é teoricamente posible”

Científicos galegos achegan un novo estudo que confirma a presenza do coronavirus na zona ocular. Outro equipo galego realizou unha enquisa para coñecer a actitude dos pacientes de atención primaria respecto á vacinación contra a covid-19. E expertos do Ministerio e das consellerías autonómicas de Sanidade desmontan os “falsos dilemas” que xurdiron durante a pandemia.

Por Galicia Confidencial | Madrid | 06/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O SARS-CoV-2 pódese detectar na conxuntiva e nas bágoas de persoas con covid-19. O contacto coa superficie ocular pode transmitir o virus e deben tomarse medidas preventivas nesta dirección”. Esta é a principal conclusión dun estudo realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e do Hospital Clínico Universitario da capital galega.

Detección do coronavirus SARS-CoV-2, causante da covid-19, mediante PCR en tempo real (RT-PCR)
Detección do coronavirus SARS-CoV-2, causante da covid-19, mediante PCR en tempo real (RT-PCR) | Fonte: OIEA - Organismo Internacional de Enerxía Atómica.

O estudo realizouse no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela con 56 pacientes hospitalizados con covid-19, dos que se recolleron mostras de secrecións conxuntivais e bágoas. En total, 17 enfermos (30%) presentaron síntomas oculares, pero non se atopou ningunha asociación entre mostras oculares positivas e síntomas oculares.

O achado máis importante do estudo é que o SARS-CoV-2 pode ser detectado na conxuntiva e nas bágoas. Se ben se sabe que a principal vía de transmisión deste coronavirus é por pequenas gotas respiratorias xeradas cando unha persoa infectada tose ou esbirra, aínda que tamén se podería transmitir a través de obxectos contaminados e contacto facial. Así, os investigadores lembran que “este coronavirus se detectou en bágoas e secrecións conxuntivais, con taxas de positividade máis altas entre os pacientes con covid-19 grave”.

"A exposición ocular podería ser unha vía de infección potencial e contribúe á diseminación da infección a través do contacto coas mans”

“Recentemente, varios estudos atoparon manifestacións oculares en pacientes con covid-19. Estes achados suxiren que a exposición ocular podería ser unha vía de infección potencial e contribúe á diseminación da infección a través do contacto coas mans”, expoñen os investigadores galegos, que no seu estudo confirmaron a presenza de SARS-CoV-2 na conxuntiva e bágoas de pacientes.

Concretamente, catro das 56 mostras conxuntivais resultaron positivas (7,1%) para SARS-CoV-2 e outras catro das 112 de bágoas (3,6%) tamén confirmaron a presenza do coronavirus.

Dos catro pacientes con mostras conxuntivais positivas, as de bágoas resultaron negativas en ambos os ollos nun paciente, positivas só no ollo esquerdo en dous enfermos e positivas en ambos os ollos nun paciente. Ningún arroxou como resultado mostras conxuntivais negativas e positiva nas bágoas.

Por outro lado, os investigadores non atoparon ningunha asociación entre a proba PCR de mostras oculares e síntomas oculares. O 29% dos pacientes cunha PCR negativa e o 25% dos que se obtivo unha PCR ocular positiva tiñan síntomas oculares.

En total, 17 (30,4%) pacientes presentaron síntomas oculares (arenosidade, 16,1%; dor ocular, 7,1%; fotofobia, 1,8%; visión borrosa, 3,6%; hiperemia conxuntival, 3,6%; prurito, 3,6%; secreción, 7,1%). Ademais, nove pacientes con enfermidade moderada e oito con enfermidade grave presentaban manifestacións oculares.

“A superficie ocular ten un papel como punto de entrada e reservorio para a transmisión do virus”

Como destacan os autores da investigación, os resultados deste estudo están na mesma liña que outros realizados no mundo, afirmando a hipótese de que “a superficie ocular ten un papel como punto de entrada e reservorio para a transmisión do virus”, explican.

“A transmisión do SARS-CoV-2 por secrecións oculares e bágoas de pacientes con COVID-19 é teoricamente posible, en base á positividade da mostra e ao tropismo das células conxuntivais”, conclúen os investigadores galegos.

Por iso, “tendo en conta que a superficie ocular está directamente exposta a gotículas e obxectos contaminados, debe considerarse como unha posible vía de transmisión e deben tomarse medidas preventivas nesta dirección”, advirten os científicos, que consideran que “os antisépticos oculares que se comercializan poden ter un papel na prevención dos síntomas oculares durante a infección por covid-19, xa que demostraron que inhiben a replicación viral in vitro”.

Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista científica Vision por investigadores dos departamentos de Oftalmoloxía e de Microbioloxía e do Servizo de Epidemioloxía Clínica do Hospital Universitario de Santiago de Compostela, e da Facultade de Medicina compostelá.

ACTITUDES CARA Á VACINACIÓN

Outro equipo formado por profesionais do Sergas e do Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da Universidade de Santiago tamén vén de publicar outro estudo, neste caso na revista científica Vaccines, sobre a actitude dos cidadáns cara ás vacinas contra a covid-19.

Pero a diferenza doutros estudos, este achega un enfoque diferente, xa que se centra nas actitudes e intencións ante a vacinación entre os usuarios non habituais das redes sociais, onde o discurso dalgúns influentes pode determinar o comportamento de moitos en relación á vacinación.

En total, 719 suxeitos maiores de idade foron recrutados de centros de atención primaria da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, para cubrir un cuestionario entre marzo e abril de 2021. A maioría dos participantes mostrou unha actitude positiva cara á vacinación e altos niveis de intención. para vacinarse.

"As actitudes e intencións dos usuarios non habituais das redes sociais cara á vacinación son favorables"

Un dato substancial é que “agás os participantes que consideraron que a vacina é a medida máis eficaz para loitar contra a pandemia de covid-19, o resto destacou a importancia de seguir limitando as interaccións sociais e/ou o uso de máscaras aínda despois de vacinados”, destacan os investigadores.

Neste sentido, os autores do estudo advirten de que, “dado que a vacinación pode xerar unha percepción de inmunidade total fronte ao SARS-CoV-2, é necesario que o persoal sanitario organice campañas eficaces de concienciación sobre a importancia de manter as medidas de protección persoal” mentres a pandemia persista.

“Os resultados deste estudo revelan que as actitudes e intencións dos usuarios non habituais das redes sociais cara á vacinación son favorables. Non obstante, esta confianza é o suficientemente alta como para comprometer o mantemento doutras medidas de protección individuais, especialmente entre aqueles que consideran que a vacina é a medida máis eficaz para loitar contra a pandemia”, detallan os autores, que destacan que, até onde saben, “este é o primeiro estudo sobre a determinación da intención dos adultos españois de vacinarse que obtivo información mediante cuestionarios presenciais, o que nos permitiu chegar a un grupo de poboación do que non tiñamos información, xa que os membros deste colectivo non son usuarios habituais das redes sociais”.

“FALSOS DILEMAS” DURANTE A PANDEMIA

Por outro lado, un estudo estatal liderado polo Ministerio de Sanidade en colaboración coas consellerías autonómicas, incluída a galega, sinala os “falsos dilemas” que se xeraron durante a pandemia da covid-19 en España.

En concreto, o traballo aborda a contribución da saúde laboral ao control da pandemia, no marco do cal os seus autores poñen o foco sobre tres contradicións que xurdiron durante a pandemia e que, desde o seu punto de vista, son “falsos dilemas”.

O primeiro ten que ver coa consideración da pandemia como un problema de saúde pública ou de saúde laboral; o segundo, coa contraposición saúde versus economía, e o terceiro, cos aparentes “cambios de criterio” que provocarían as sucesivas versións dos documentos coas medidas para diagnosticar e previr a covid-19.

“O debate entre saúde e economía é estéril en termos científicos e perigosamente contraevolutivo”

Sobre a primeira contradición, afirman que “a pandemia é unha cuestión de saúde pública e, polo tanto, de saúde laboral”.

“Considerar se a crise do coronavirus é un problema de saúde pública e non un problema de saúde laboral é un falso dilema, hoxe superado, pero que se expuxo con forza ao principio da pandemia. Hai que lembrar que o marco de dereitos humanos e do dereito á saúde que fundamenta a misión e a acción da saúde pública inclúe as persoas traballadoras”, argúen.

Así, lembran que, “desde un punto de vista conceptual, a persoa é a mesma que se atopa nos lugares de traballo e en todos os outros lugares da súa vida, e hai interacción entre estes conxuntos de condicións, e o  SARS- CoV-2 non entende de fronteiras nin desaparece na porta da empresa; entra coa persoa nos centros de traballo e, por tanto, determina as condicións de traballo neles, podendo infectar o conxunto de persoas traballadoras da empresa”.

Tamén recordan que se demostrou que son numerosos os colectivos de traballadoras e traballadores cunha maior vulnerabilidade social ante a pandemia, tanto cun maior risco de infección como cunha maior gravidade dos efectos, comezando polos propios sanitarios.

“Podemos preguntarnos entón por que xurdiu esta aparente contradición e podemos pensar que o que subxace é quen realiza a xestión da mesma, é dicir, estariamos a falar de responsabilidades e custos derivados desta xestión. E é certo que son ámbitos claramente diferenciados, con distintas regulacións e financiamento. Pero o certo é tamén que a pandemia mostrou a integración da saúde laboral na saúde pública, reforzando así o impacto das medidas preventivas”, expoñen.

Os expertos do ministerio e das comunidades autónomas poñen en valor os procedementos e protocolos de actuación que se aplicaron durante a crise sanitaria desde os servizos de saúde pública e de saúde laboral. E consideran que supuxo “unha oportunidade  magnífica para reflexionar conxuntamente sobre a potencia da integración de ambos os espazos de actuación”.

“A realidade nesta pandemia é moi cambiante e non queda máis remedio que adaptarnos a ela nas respostas que se van dando”

En canto ao “falso dilema” economía vs saúde pública, especialmente promovido desde partidos de dereita, recordan que “asistimos a diferentes modelos políticos para implantar medidas na loita contra os contaxios da covid-19, sendo o peche dos bares e restaurantes o que creou máis controversia” (a presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, do PP, foi quen liderou esa estratexia, ao colocar a reapertura total da hostalaría como o seu principal argumento electoral nas eleccións madrileñas).

Os expertos recordan que “existe unha forte correspondencia entre as enfermidades e as prácticas económicas e as relacións sociais de cada época”. Así, a relación entre economía e saúde “non debe exporse como enfrontamento ou debate, senón máis ben en termos de diálogo, de entendemento; debería exporse sobre a base da cooperación, de mutualismo ou simbiose, non de competencia, e moito menos en termos de relacións de explotación, depredación ou parasitismo, nas que unha das partes resulta claramente prexudicada en detrimento das outras”, expoñen.

En definitiva, sinalan que “o debate entre saúde e economía é estéril en termos científicos e perigosamente contraevolutivo”.

Sobre o terceiro falso dilema, o aparente “cambio de criterio” en que estivo sumida a administración sanitaria durante toda a pandemia, afirman que “non é tal”. Contra os negacionistas que usan ese argumento para negar a realidade da pandemia, ou contra os que o utilizan para atacar ás autoridades sanitarias e gobernamentais, defenden que “a realidade nesta pandemia é moi cambiante e non queda máis remedio que adaptarnos a ela nas respostas que se van dando”.

“Cada día temos novos datos e publicacións do virus, da pandemia, as súas ondas, os gromos, e a evidencia científica vaise consolidando sobre eles. Iso determina que fose necesario readaptar as estratexias e protocolos a eses cambios e, en ocasións, estes poden ser apreciados como meras contradicións, cando son adaptacións a un contexto cambiante. Esta pandemia está a ser non só moi intensa, senón tamén moi extensa no tempo”, defenden nun monográfico sobre saúde laboral e covid-19 publicado pola Revista Española de Salud Pública.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta