Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/05/2024 | Actualizada ás 11:47
Un equipo científico do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e do Grupo de Estudo do Medio Mariño de Riveira (GEMM) descubriron unha nova especie de esponxa non catalogada até a data. A especie foi identificada por primeira vez na ría de Arousa a 30 metros de profundidade mediante técnicas de mergullo. Trátase dunha especie pertencente ao xénero Biemna da que só se describiu anteriormente unha especie en augas galegas e cinco en augas europeas.
A morfoloxía da nova especie é "de forma de coxín semiesférico con numerosas proxeccións tubulares que emerxen da base, terminan nos ósculos que conducen a auga ao exterior despois de ser filtrada e presentan unha cor xeral vermello burdeos ou crema", explica Javier Cristobo, investigador do Centro Oceanográfico de Xixón e primeiro autor do traballo. "O seu esqueleto característico está formado por espículas silíceas que son diferentes respecto doutras especies próximas", apunta o científico.
Os exemplares atopáronse entre 20 e 30 metros de profundidade, en fondos duros detríticos, principalmente en superficies rochosas horizontais cubertas por finas capas de sedimentos. Os especímenes colleitados en xullo mostraron xemas reprodutivas ao longo das papilas. O nome elixido para esta especie foi Biemna begonae en homenaxe a Begoña Pérez Dieste (1965-2021), entusiasta defensora do medio mariño e irmá dun dos coautores.
Este traballo foi posible grazas á colaboración do Instituto Español de Oceanografía, que a través do equipo de investigación ECOMARG estuda a biodiversidade bentónica na demarcación noratlántica a través varios proxectos de investigación, e a organización sen ánimo de lucro Grupo de Estudo do Medio Mariño (GEMM), creada en 2010 para mellorar o coñecemento sobre a fauna mariña das costas galegas. Grazas á súa constante actividade de mergullo atopáronse especies de gran interese e pouco coñecidas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.