Baiuca, despois de estar atrapado en Sudán: "estabamos seguros; só pensabamos en tocar"

Xa desde o primeiro momento se aloxaron na residencia da Embaixada española.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/11/2021 | Actualizada ás 14:31

Comparte esta noticia

O músico galego Alejandro Guillán, coñecido profesionalmente como Baiuca, descansa agora en Galicia tras a "odisea" que supuxo para el e para os seus acompañantes abandonar Sudán tras declararse no país un golpe de estado, que os obrigou a permanecer en territorio sudanés case unha semana.

Aínda que "se agradecen uns días por aquí", a pesar das circunstancias, Guillán asegura nunha entrevista a Europa Press que "non foi para nada unha experiencia excesivamente negativa", posto que "en todo momento" estiveron "tranquilos e seguros", protexidos na residencia da Embaixada.

Baiuca, acompañado polo percusionista Xosé Lois Romero, a cantante Andrea Montero, o cineasta e responsable da parte audiovisual do espectáculo Adrián Canoura e o técnico de son Alfonso García, chegou o domingo 24 de outubro a Xartum, a capital de Sudán, para participar no festival Sama, co que colabora a propia Embaixada española, que en cada edición convida a un grupo a participar. É por este motivo, explica Guillán, que xa desde o primeiro momento se aloxaron na residencia da Embaixada.

"Realmente nós non chegamos nin a saír á rúa porque chegamos o domingo pola noite e o luns xa empezou todo", recoñece o músico galego, que recalca en varias ocasións que o "peche" non foi tan duro --"só tiñamos que ocupar o tempo"--; "foi máis o que se falou aquí, que o que estabamos a pasar alá", afirma.

E di falar porque "as familias, en realidade, estaban tranquilas tamén". "Sabían que estabamos nun sitio seguro, pero claro, cando empezan a saír noticias aquí; é algo ao que non estás adoitado", destaca. Neste sentido, aínda que remarcou o bo tratamento da situación en xeral, matizou os "perigos" que leva dar información. "Cando dás información tes que ter coidado coas palabras que utilizas porque moitas veces os medios tentan darlle a volta, ou buscar un titular que realmente non había", lamenta.

Ao fío desta afirmación, asegurou que "nunca estiveron incomunicados, como se sinalou desde algún medio". "Realmente o que ocorría é que, ao estar as comunicacións cortadas, nós non tiñamos conexión na residencia. Pero a embaixada, si se podía comunicar e mantiña informadas as familias", explicou.

"SÓ PENSABA EN TOCAR"

O "peor" para Baiuca foi a volta a casa, sobre o que, aínda recoñecendo que "o máis importante era saír de Xartum", sen importar as horas que fosen --36 en total--, asegura que se lles fixo eterna. A ruta elixida foi diferente da planeada inicialmente. Co plan inicial, a comitiva voaba con Turkish Airlines facendo o itinerario co que chegaran a Xartum, pero ao revés: de Xartum a Istambul, e de Istambul a Madrid.

Unha vez que Turkish Airlines decidiu o propio venres cancelar todos os seus voos ata, como mínimo, o luns seguinte, e dado que si que estaban a comezar a saír voos de Ethiopian Airlines, o grupo viaxou primeiro de Xartum a Addis Abeba (Etiopía), para desde alí voar a Roma, e tras máis de dez horas sen poder saír do aeroporto polas regras sanitarias que ten Italia cos pasaxeiros procedentes de Etiopía, finalmente o sábado 30 de outubro pola tarde saíron da capital italiana con destino Madrid, onde aterraron ás 21 horas.

"Durante a viaxe de volta, eu estaba a pensar todo o intre en tocar, nos birlos que tiñamos, imaxinándome á xente bailando e con moitas ganas de tocar", asegura Baiuca, que ten tres concertos en Santiago de Compostela a próxima semana -11, 12 e 13 de novembro-- na Sala Capitol.

CONTRADICIÓNS NO DOG

A este respecto, Alejandro Guillán criticou a falta de claridade das novas normas polas que se rexen os eventos deste tipo xa na nova normalidade, na que se permite aforamentos completos pero que, para Baiuca, "presenta unha contradición moi grande", xa que "din que hai que manter a distancia de seguridade pero, con aforamentos completos, non podes".

É por este motivo que a Sala Capitol tivo que programar un terceiro concerto para respectar as distancias, co que as últimas 200 persoas que adquiriron a súa entrada para o venres, recolocáronse o sábado. "Ao final quedas mal co público por unha situación que non ten moito sentido, e que a Xunta debería aclarar realmente e non publicar no DOG unha información tan contraditoria como esa", lamentou Baiuca.

Baiuca xa está en España tras vivir o golpe de Estado en Sudán / Europa Press. / Europa Press
Baiuca xa está en España tras vivir o golpe de Estado en Sudán / Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta