Podemos Galicia ve como "camiño necesario" que Yolanda Díaz participe en foros como o de Valencia

Así o trasladou o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, que engadiu que "é evidente" que a vicepresidenta "está a abrir un proceso de escoita e diálogo con diferentes actores sociais, sindicais e políticos".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/11/2021 | Actualizada ás 15:51

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, enmarcou na "normalidade" a participación de Yolanda Díaz en actos como o foro que se celebrará en Valencia (con presenza de Ada Colau ou Mónica Oltra, entre outras) e lembrou que a vicepresidenta segunda "está a abrir un proceso de escoita e diálogo" con diferentes actores, e ese "é o camiño necesario e imprescindible".

Así o trasladou, en declaracións aos medios en Vigo, e a preguntas sobre a presenza de Díaz nese acto. Segundo apuntou Gómez-Reino, "é evidente" que a vicepresidenta "está a abrir un proceso de escoita e diálogo con diferentes actores sociais, sindicais e políticos".

Nese sentido, apostou por "tomar con total normalidade un acto no que referentes femininos se autoconvocan" para reflexionar "en clave do tempo político que vén, que é un tempo marcado polo feminismo".

Así mesmo, o deputado manifestouse "completamente cómodo" con esa estratexia de Yolanda Díaz de "atoparse con moita xente", e apuntou que o que demanda a cidadanía é precisamente "chegar a acordos no político e no institucional"

Na mesma liña, afirmou que os cidadáns reclaman tamén "ampliar o marco do espazo de Unidas Podemos para construír de face ao próximo ciclo electoral un espazo máis forte e máis amplo", todo iso nun contexto en que "as dereitas e as extremas dereitas" pretenden "acabar co goberno de coalición progresista".

Por todo iso, valorou a actuación da ministra de Traballo para "garantir" que ese goberno de coalición vai continuar "forte" nas próximas eleccións. "O que marca Yolanda Díaz é o camiño necesario e imprescindible", sentenciou.

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, na festa do centenario do PCE, a 25 de setembro de 2021, en Rivas-Vaciamadrid, Madrid (España).. Jesús Hellín - Europa Press
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, na festa do centenario do PCE, a 25 de setembro de 2021, en Rivas-Vaciamadrid, Madrid (España).. Jesús Hellín - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta