O Hospital Psiquiátrico de Conxo, paradigma dunha reforma que 35 anos despois non concluíu

Un novo informe do Macanismo Nacional de Prevención da Tortura revela que en Conxo se seguen a vulnerar dereitos fundamentais. "Non é que volvamos a prácticas que xa estaban erradicadas, é que continúan funcionando".

Por Alicia Casas | Compostela | 15/11/2021 | Actualizada ás 22:15

Comparte esta noticia

Trinta e un anos despois do peche dos antigos manicomios o frío entraba polas fendas e as humidades do Hospital Psiquiátrico de Conxo obrigaban aos residentes a usar roupa de abrigo no interior do edificio. O tempo pasaba por unhas instalacións inauguradas no século XIX pero non parecía pasar polo que aí dentro acontecía. Trinta e un anos despois de que a Lei Xeral de Sanidade aspirara a unha revolución na Saúde Mental en Conxo había pacientes ingresados dende hai 30 e 50 anos. Había tamén problemas de sobremedicación, mal uso das contencións mecánicas e falta de recursos.

Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.
Hospital psiquiátrico de Conxo, en Compostela.

Esas son algunhas das apreciacións que no 2017 facía o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura, dependente do Defensor del Pueblo, cando visitaba por sorpresa o que foi o primeiro sanatorio galego para garantir que os dereitos das persoas que aí residían non se vulneraban por estar en situación de privación de liberdade. Comprobaron que si se vulneraban e catro anos despois seguen a vulnerarse.

O Hospital Psiquiátrico de Conxo eríxese no mellor exemplo de que xa após trinta e cinco anos a reforma psiquiátrica segue sen concluír. O Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura vén de denunciar novas irregularidades nestoutra visita sorpresa ao centro os días 6,7 e 8 de xullo de 2021. Entre as irregularidades destapouse un presunto caso de violencia sexual que xa foi denunciado nos tribunais.

A visita puxo o foco, de feito, no enfoque de xénero, e constatou que: as mulleres ingresadas están en situación de maior dependencia, o seu estado de saúde presenta un maior deterioro, teñen menos autonomía nas actividades da vida diaria, teñen tempos de estancia máis prolongados no tempo e hai unha maior porcentaxe delas ingresadas en módulos pechados sen que se coñezan os criterios deste tipo de ingreso. Tamén que os problemas de adición a substancias non se tratan, se castigan; e que segue a producirse unha división sexual do traballo, dividindo as tarefas por xéneros (mulleres á lavandería, homes á carpintería).

Ademais, o informe do MNP dá conta de que falta información clínica e social dos pacientes e non existe un rexistro das contencións mecánicas realizadas. A media de duración das mesmas é de 16 horas nas mulleres e o caso máis grave é o de unha mulller que leva 19 anos ingresada e sufriu máis de 30 contencións nos últimos dous anos. 

A presidenta do Movemento Galego da Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, explica que as contencións mecánicas deben ser excepcionais e temos que avanzar cara a contención 0 como recomendación da propia ONU e do Consello de Europa. E matiza que este tipo de prácticas non acontecen só en Conxo senón tamén noutros centros sanitarios: "O Plan Galego de Saúde Mental ten como obxectivo a contención 0 pero nunca se levou á practica. Non é que volvamos a prácticas que xa estaban erradicadas, é que continúan funcionando".

A gravidade do que acontece no hospital psiquiátrico compostelán reside en que non existe un rexistro do número de contencións  e "sendo unha práctica que vulnera a liberdade ten que estar moi regulada. Teñen que constar as motivacións que levaron a esa situación, a duración, a frecuencia, que plan alternativo hai para que non volva suceder..".Rosa Cerqueiro lembra que precisamente sobre esta cuestión incidiu o Mecanismo Nacional de Prevención da Tortura cando logo de emitir o informe do 2017 volveu requirir no 2019 o número concreto de contencións realizadas nun determinado período e a Xunta nin sequera respostou. Asunto que mesmo chegou investigar Fiscalía pero que despois arquivou.

Para a presidenta do Movemento Galego da Saúde Mental na base destas prácticas que deben ser superadas e aínda non son, están os lugares comúns que atinxen á Sanidade Pública. A falta de dotación de persoal e as condicións de habitabilidade: "imaxinemos por exemplo o Servizo de Urxencias, onde hai moitas persoas e non hai habitáculos arquitectónicos para prever que alguén se poda alterar máis. Falta claramente un modelo asistencial que promova a contención 0". Pero a diferenza entre a Saúde Mental e o resto do sistema sanitario, opina, é que estivo sempre infradotada. "O Plan Galego de Saúde Mental levámolo pedindo anos e ata o ano pasado non se puxo en marcha, e porque era a pandemia e xa era todo demasiado fragrante", zanxa.

Outra das cousas que deixou a pandemia foi a vacinación. Aquel mes de febreiro era a quenda dos colectivos prioritarios, das persoas maiores e os residentes en centros sociosanitarios. Malia seren as mulleres e homes ingresados en Conxo persoas de idade avanzada e con patoloxía física, que comparten espazo cos demais residentes e profesionais que entran e saen do recinto, o Goberno galego non priorizou a súa vacinación. Si priorizou a dos sanitarios que alí traballaban, pero non a dos residentes.

O Movemento Galego da Saúde Mental, ao ser cosciente da situación, iniciou unha campaña en redes e a través de peticións a grupos parlamentarios e escritos á Xunta, e finalmente conseguírono. "Foi un momento moi difícil porque denotaba desleixo, esquecemento e unha discriminación clarísima. Houbo un gromo e faleceron persoas", di Rosa Cerqueiro.

Dende o Sergas, en cambio, defenden que durante a pandemia se centraron en desenvolver protocolos específicos e en ser exhaustivos no control da Covid, incluíndo tanto aos doentes residentes no centro como aos sanitarios nas primeiras quendas da vacinación. "Unha mostra máis do compromiso da administración sanitaria con estes doentes é que atendemos ás recomendacións realizadas polas sociedades científicas de priorizar a vacinación das persoas con trastorno mental severo", apuntan.

O PRIMEIRO E O ÚLTIMO

O Parlamento galego vén de instar á Xunta a resolver as "graves deficiencias" detectadas polo MNP en Conxo. A iniciativa foi aprobada polos tres grupos parlamentarios, incluído o PPdeG, polo que desta volta o Goberno galego demorou menos en aceptar as recomendacións do alto comisionado. Queda por ver se aceptar se traduce en levar á práctica, xa que moitas das irregularidades denunciadas no 2017, aínda que recoñecidas, seguen sen resolverse. "Todas as suxestións en beneficio do centro, por suposto, poranse en marcha", asegura a Xunta.

A Consellería de Sanidade argumenta que levar a cabo reformas arquitectónicas no edificio é complexo ao tratarse dun edificio protexido por Patrimonio. Tamén afirman que seguen "traballando pola mellora do centro" e houbo recomendacións que si levaron a cabo. "Definiuse un programa sociosanitario e dotouse de persoas para avanzar no proceso de externalización dos doentes máis anciáns a centros sociosanitarios, instaláronse videofilmacións en determinadas áreas e dotouse ao centro con persoal novo do ámbito da psicoloxía clínica e a terapia ocupacional", din.

A reforma psiquiátrica do 1986 aspiraba a potenciar os recursos ambulatorios e comunitarios que fixeran diminuír a necesidade de internamento e hospitalizacións. Reducir camas psiquiátricas. Tamén regulaba que os ingresos se fixeran nos hospitais xerais e se potenciaran recursos intermedios como hospitais de día, vivendas protexidas e outras rutas de rehabilitación."A lei di que os hospitais monográficos teñen que pecharse, xa non teñen sentido, teñen que caber en unidades de rehabilitación de hospitais xerais para levar a cabo os seus cometidos", di Rosa Cerqueiro.

Tras o peche do Rebullón no 2016, Conxo é o único dos antigos psiquiátricos que queda en Galicia. Ser máis grande e ter máis residentes (moitos internados dende hai moito tempo), explica Rosa Cerqueiro, dificultou integrar os pacientes noutros recursos. "Pero hai que traballar para alcanzar esa meta e que o hospital psiquiátrico se convirta pouco a pouco no que ten que ser, coa súa función de rehabilitación e recuperación, na volta á comunidade".

A Xunta di que non contempla o peche do centro. O que si pretenden, apuntan, é avanzar "na calidade dos procesos e circuitos, e atender as suxestións de mellora propostas". Sinalan ademais que teñen en marcha un proxecto de rehabilitación para a mellora dos espazos, a súa ordenación e accesibilidade. Teñen previsto licitar o proxecto no 2022, para o que destinarán 500.000 euros dos presupostos da Comunidade. A iniciativa se cadra ten a ver con que, reunido o Real Patronato de Santiago 18 anos despois, aprobaran a reforma do Hospital Psiquiátrico de Conxo para convertilo en un polo biosanitario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Riolo

La reforma psiquiátrica de 1986 hizo posible que psicópatas peligrosos como éste anden sueltos: https://www.lavozdegalicia.es/notic...

1 Sentidiño

Este carballo abeirou durante máis de cen anos as vítimas da psiquiatría represiva. Agora pídenlle un premio porque Rosalía o coñecía, e porque aló estaba cando o banquete de Conxo... Menos culturalismo e máis humanismo! Fagamos do carballo de Conxo a árbore da memoria dos manicomios: https://arboleuropeo.es/votaciones-...